O Eume, "ameazado" polos eólicos porque a Xunta non ampliou a Rede Natura 2000

A administración Feijóo mantén conxelada a ampliación deste espazo dende 2011. Agora, Iberdrola podería construír 13 eólicos "a poucos metros" do parque natural. Adega apunta que, de consumarse o parque, sería moi difícil ampliar a zona de protección no futuro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Nova denuncia a respecto da avalancha eólica que dende hai meses estaría a ameazar os montes galegos, segundo o movemento ecoloxista e veciñal. Desta vez, a denuncia emerxe da plataforma Adega, que apunta a un dos grandes corazóns verdes de Galicia, As Fragas do Eume, de novo ameazadas polo proxecto dunha das grandes enerxéticas do país: Iberdrola.

Fragas do Eume.
Fragas do Eume.

A ameaza eólica cristalízase, neste caso, no proxecto eólico Pena do Corvo, que segundo destacan dende a plataforma se situaría “ás portas das Fragas do Eume”. O problema é que este proxecto podería ter sido detido se o actual goberno da Xunta de Galicia tivera ampliado a Rede Natura 2000, ampliación que Núñez Feijóo ten conxelada dende o ano 2011.

“Este proxecto eólico, un da ducia longa (e contando) que ameazan a comarca do Eume-

Ortegal, ten unha especial significación por situarse a escasos metros do Parque Natural das Fragas, abeirándoo polo sur con 13 muíños de 180 m de alto” apuntan dende a plataforma, que engaden a afectación de “quilómetros de pistas, desmontes e unha liña de alta tensión de case 50 km”.

A afectación destas instalacións ao parque das Fragas sería “brutal”, a ollos da plataforma, porque á parte do dano visual e ambiental que afectaría ao parque implicaría que, no futuro, fora moi difícil desenvolver esa ampliación da Rede Natura que leva posposta dez anos. “O proxecto non só vai afogar aínda máis o xa maltreito Parque Natural das Fragas do Eume (masacrado por eucaliptos, incendios, encoros, minaría...), senón que tamén vai coartar as posibilidades de ampliación e impedir a conexión con outros espazos mediante corredores ecolóxicos”, destacan dende Adega.

A APERTA DO OBRADOIRO

A nivel ambiental, as obras proxectadas por Iberdrola afectarían áreas con presenza de hábitats prioritarios, “fundamentalmente queirogais húmidos (NAT 4020*), aqueles que a Comisión Europea considerou imperativo preservar”. Estes hábitats de matogueiras e brañas turbosas son “chave”, din dende a plataforma, “para aumentar a resiliencia contra a mudanza climática e mesmo funcionan como sumidoiros naturais de carbono, fixando até tres veces máis CO2 que os bosques maduros”

Dende a plataforma subliñan que o potencial impacto do parque Pena do Corvo podería terse evitado no caso de ter aprobado no seu momento a ampliación da RN 2000, xa que é a “única limitación territorial para a implantación de parques eólicos” novos. “A Rede Natura 2000 configúrase como a única ‘liña vermella’ fronte á invasión eólica”.

Dende a plataforma ironizan co feito de que “non sorprende” que o parque proxecto ao carón das Fragas sexa de Iberdrola. “Non cabe dúbida que a famosa 'aperta do Obradoiro' entre Núñez Feijóo e o presidente de Iberdrola Sánchez Galán (que vén de ser imputado pola Audiencia Nacional no "caso Villarejo") ten moito a ver coa preguiza da Xunta en completar a Rede Natura 2000 e dotar aos espazos protexidos das ferramentas de xestión que garantan a súa conservación”, destacan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta