Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 09:00
Era 1983 cando Xabier Alcalá se lanzou á aventura de escribir unha novela sobre escribir unha novela. De aí en adiante todo serían casualidades e infortunios que fixeron de Tertúlia unha novela “maldita”, en palabras do propio autor, e que estas semanas, case 40 anos máis tarde, sae de novo á venda logo de circular en fotocopias ante a negativa da maior parte dos editores.
Tertúlia narra o proceso de escritura dunha novela. O autor, que recibe o nome de Xoán Castro --escritor “a tempo parcial” e asiduo á tertulia dun bar-- decide presentarse a un concurso literario na Galicia preautonómica, atraído, máis que nada, pola súa dotación económica. Pero as palabras non saen e, ante tal bloqueo creativo, o protagonista opta por presentar a concurso o manuscrito plaxiado dun autor brasileiro descoñecido, esperando non ser descuberto “porque en Galicia ninguén le en portugués”.
Os problemas comezaron ao ano seguinte, cando Xavier Alcalá presentou Tertúlia ao concurso Blanco Amor. A polémica estaba servida: a obra foi desestimada, acusada de plaxio por parte do xurado, facendo así realidade a ficción que el mesmo novelara. Foi entón cando o manuscrito “corría en fotocopias por Galicia adiante” ata que Sotelo Blanco publicou a primeira edición de Tertúlia, cunha “excelente aceptación”, en palabras do autor. Porén, e segundo apunta, “logo diso, o editor foi ‘animado’ dende altas instancias culturais a rescindir o contrato co autor”.
Alcalá, que reeditará esta edición da man de Amazon, trae así de novo á luz unha novela que hoxe tan só de atopa en librerías de vello “por varios centos de euros”. Apunta que a escolla de Amazon tivo que ver coa imposibilidade de atoparlle editor a este texto “silenciado”. O libro leva dispoñible dende o pasado 3 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.