Lúa Gándara: "no fondo pinto paisaxes románticas que me fan entender o mundo mellor"

Para Lúa Gándara pintar cadros alegres é unha cousa moi seria.

Por Alicia Casas | Compostela | 31/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O humor como forma de aforrar un esforzo emocional para así asimilar as cousas que pasan é unha teoría de Freud que a Lúa Gándara lle gusta moito. Tamén a intuición propia dos nenos, esa que usan cando pintan e con liberdade escollen cores. Agora un pouco de azul, agora un pouco de vermello, agora demasiado vermello, agora... Esas cores que son simplemente cores, como as palabras que elixen os poetas conscientes de que son só palabras, e colocadas no espazo como sons ordenados por músicos cando compoñen. Por algún lugar parecido estará a súa pintura. O significado, vén despois.

Moi cansada, Antimoda.
Moi cansada, Antimoda. | Fonte: Lúa Gándara.

Lúa Gándara é unha pintora abstracta que pon títulos moi concretos. O humor é a súa forma de relacionarse coa realidade e os seus cadros intentan relacionarse coa realidade para ela tratar de entendela mellor. Iso, di, é un resumo. No fondo, di, pinta paisaxes.

Naceu no Porriño como Raquel Iglesias Gándara, é graduada en Belas Artes pola UVigo e ten un mestrado de Profesorado. Foi seleccionada en diversos premios e expuxo a súa obra en diferentes galerías e certames.  A última e a de agora, na Galería METRO en Santiago de Compostela, aínda pode visitarse en 3D. Festa no xardín con caracois é unha exposición de catorce pezas que conta ademais cunha visita guiada. Unha proposta de METRO para achegar a obra da artista ao espectador. Catorce vídeos para catorce pezas, un vídeo para cada unha: todas elas dirixidas, guionizadas e interpretadas por Lúa Gándara e montadas polo director de cine Javi Camino.

Lúa Gándara di que agora que conduce desfruta de mirar todo e todo o tempo pola ventá do coche e que é algo que facía xa de nena cando non conducía. "Busco as cores todo o tempo cando coloco as cousas por casa, nas fotos, na comida, na moda, no cine, na música ou na publicidade, e cando vou por aí no amarelo dos ollos e dos dentes, na cara e na roupa das persoas", comenta. Despois escolle e coloca esas cores "totalmente por gusto, por pracer, non é nada simbólico". "Cada color dime cal vai despois", aclara, mentres lembra cando pintaba moito con negro e lle dicían "ui, estás triste": "non, encántame o negro pola intensidade e a profundidade e o peso que ten, como de facer algo importante e que sirve para todas as ocasións, como un vestido".

Empacho e néboa, 15x21 cm, acrílico sobre lenzo, 2020
Empacho e néboa, 15x21 cm, acrílico sobre lenzo, 2020 | Fonte: Lúa Gándara

Ela conta que recibe información, todo o tempo, pero non a reproduce. Absorbe todo pero cando pinta, pinta. Non pensa en palabras. Pensa sempre na cor e menos na forma, pero si na colocación das cousas e na acumulación das mesmas: "interésame o xeito no que as persoas ordenan os seus espazos, o tipo de desorde que ten cada persoa e a forma que a xente ten de ocupar os espazos". Todo iso, di, ten que ver coa pintura: "se fago un trazo demasiado importante, fago outro menos importante para que falen entre eles, vou buscando ata que me gusta e ás veces penso que está acabado pero non, logo miro e dame nervos". Do mesmo xeito pero do revés tamén acontece e por veces dase conta tres meses máis tarde de que xa rematara un cadro que pensaba que non tiña rematado.

Nos seus cadros hai moitas manchas que poderían parecer situadas ao azar, algo que di, pode empregar ás veces porque "a min todo o que vaia acontecendo, váleme, logo xa vexo que fago con iso". Pero o seu proceso ten varias fases e máis que ver co mirar e pensar que co facer: "ao principio é máis doado, mancho moito, pero logo é máis delicado porque podes estragalo e é aí onde entra o pararse e mirar o que estás a facer para entendelo, porque nin eu mesma o entendo ás veces". A isto engade: "é importante non acelerarse, que é algo me vén moi ben a min porque sempre fixen iso mal e agora vou aprendendo".

A obra de Lúa Gándara é "moi calculada" pero interésalle que pareza despreocupada ou espontánea: "é igual que a miña propia torpeza cando falo moito e parece 'ai, non é nada tímida, di todo o que pensa en alto'... mentira, mentira, non digo todo o que penso en alto pero fago que o pareza porque iso me interesa". Se cadra con iso teñen a ver todas as capas dos seus cadros, o feito de que o erro esté integrado nos seus procesos. Unhas capas que dan "moito peso e unha riqueza moi interesante".

Pero hai tamén cadros con menos capas que ela chama "de acerto": "hai algo neles que me gusta máis que nos outros, que igual é para min porque eu sei que acertei, pero para min son como a xente que di o que ten que dicir no momento no que o ten que dicir e non di nada maís, iso é moi difícil". "É como un entrenamento, hai que facer moitos para acertar e xa está", zanxa. 

Por veces tamén na súa obra, ademais de manchas, aparecen grafismos que ela chama "cousiñas". Explica que a colocación destes grafismos aporta movemento e fan que pasen máis cousas das que se ven nunha primeira lectura da imaxe. Que cando segues a mirar "comezas a ver outros elementos que están máis en segundo plano porque non son tan importantes pero dan outra información e xeran un vínculo entre o espectador e o cadro". Algo que non fai só a través de grafismos. 

O HORÓSCOPO DUN XORNAL

Bos días cariño. Vin a túa foto, eres moi doce e moi fermosa, ámote./ Fixéronme dano as chanclas. Atardecer sen turistas./ Hoxe son uns mocos, mañá pode ser un ictus./ Ráscame a cara coa barba porque di que me quere./ A auga do mar xa non pica./ Todas as caixas de Amazon non caben./ Todo o mundo foi máis amable ao principio. Son títulos de cadros de Lúa Gándara, frases que fan visible o fío condutor da súa obra: o humor. "Algo moi concreto a algo moi abstracto que nin sequera está", di. 

- Que intención persegues?

En primeiro lugar, que me divirtan a min, iso é o máis importante. Faime graza oírllos á xente e que estén en sitios serios escritos. É como unha forma de pervertir certos espazos e dicir cousas que non se poden dicir ou están fóra de lugar. Iso é o que máis me gusta.

E logo busco achegarme ao espectador porque me dá pena que aínda exista esa distancia entre a xente e a obra. Porque un pasa moito tempo no taller traballando e logo a xente pasa por eles e di 'ai, gústame' e xa está. Non pode ser, levo aí tres meses traballando. Entón podería dicirse que é unha chamada de atención. Como cando nun espectáculo dis o nome da vila na que estás, encántalles. É incluir ao espectador na túa obra, facelo partícipe do teu xogo. Trátase de xerar unha relación entre o espectador e o cadro. O cadro dá unha información e o título dá outra e creo que a veces se retroalimentan.

Todo o que xa non se pode arranxar é o título doutra das súas pezas e sírvelle de exemplo para explicar que aínda que poña títulos moi concretos, interésalle falar de conceptos. De asuntos que lle pasan a todo mundo, asuntos xenéricos, que cada persoa asocia á súa cousa propia. "Como o horóscopo dun xornal", di. "Que non sexa o meu mundo interior, inaccesible e aburrido, quero que sexa tamén para os outros", explica. Sobre se os títulos inflúen na compra, ten claro que si: "de feito teño cambiado títulos segundo me conveña, por exemplo se vou a un concurso institucional, pero ao final sempre son irónica e non podo deixar de dicir o que me apetece dicir".

OS MOMENTOS DE "NADA"

Lúa Gándara non considera que se atope en ningunha corrente artística "máis que nada porque non hai nada agora mesmo: Olmo Blanco, Katrina Biurrun, Cynthia Alfonso ou Pelucas son artistas galegos que me gustan moito pero para os que non hai contexto artístico, e despois hai xente en todas partes que está a facer cousas que me gustan". Tampouco lle importa moito, di: "non me ubico dentro de ningunha corrente aínda que se tivera que definirme diría que estou a medio camiño entre o expresionismo abstracto e a abstracción racional. Aínda que eu pinto o que me apetece e xa está, hai que facer para adiante sen darse tanto bombo dende fóra".

Si considera, en cambio, que a súa obra se caracteriza por unha alegría ás veces moi efusiva ou moi enérxica (mesmo os cadros que son algo máis "turbios" ou de enfado). Dalgunha forma, "os meus cadros son como unha verbena en miniatura, unha verbena mental, porque si teñen moito que ver coa celebración pero creo que é porque o paso moi ben mentres os fago".

E do mesmo xeito que non hai contexto artístico non ve mercado. "O mercado da arte é algo moi diferente á arte, outro terreo que me ten moi cansada e que eu non domino, pero que me compren", chacea. Cansada tamén a teñen as redes sociais, terreo que si domina e no que se evidencia ata que punto está integrada a performance nos seus procesos. As redes sociais son a súa forma de exporse como persoa que fai cousas, como personaxe. Emprégaas "como quen usa o Whatsapp ou a luz eléctrica" pero "cada vez me cansa máis porque tampouco vexo que se traduza en ventas directas".

Con todo, si recoñece que lle fai graza como unha pode dar a imaxe que queira en redes e iso "para min é un xogo ben divertido, case un chiste interno". No seu proxecto/personaxe Antimoda, sobre a identidade en redes,"son os momentos de nada os que máis me interesan a min". Eses tempos irrelevantes están presentes tamén e sobre todo na súa pintura: "a xente na súa vida fala e erra todo o tempo pero logo cando nos acordamos da vida de alguén convertímola en algo narrativo e redondo, a miña pintura ten que ver con eses tempos que non son importantes".

Lúa Gándara está a traballar agora mesmo con dúas galerías (METRO en Compostela e Zona Incontrolable, en Madrid), algún día gustaríalle facer cine e agora mesmo está a colaborar con Milena Colella nunha colección na que as formas da súa pintura aparecerán nas xoias dela, "que non fai calquera cousa, fai xoias de artista, e imos explorar como integrar o plano co volume".

Preguntada polo espazo di que é "moi grande e variable e hai moitos tipos". Que un paisaxe son elementos no espazo e que "no fondo eu pinto paisaxes case románticas e esa forma de pintar o espazo faime entender o mundo mellor".  E bota a vista atrás e di que xa de nena era o que facía: pintar paisaxes, aínda que máis figurativas. Preguntada pola palabra "sofisticado" di: "paréceme algo moi elaborado e non necesariamente ten que ser elegante ou esa imaxe que temos do caro e de difícil acceso, é algo que vas desenvolvendo con moito agarimo e moito coidado durante moito tempo".

Festa no xardín con caracois, acrílico sobre lenzo 130 x 162 cm, 2021
Festa no xardín con caracois, acrílico sobre lenzo 130 x 162 cm, 2021 | Fonte: Lúa Gándara
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta