Os contaxios que non se ven: por que Galicia podería estar peor do que amosa o Sergas

Galicia duplicou os seus casos de covid na última semana. Porén, a taxa de positividade indica que a transmisión podería ser aínda maior.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Galicia séguese afundindo na quinta vaga da pandemia. Cando semellaba que as vacinas comezaban a debuxar a luz ao final do túnel, a comunidade galega vén de rexistrar algunhas das súas peores cifras dende a grande repunta que seguiu ao Nadal, ata o momento o maior pico de contaxios e hospitalizados rexistrados no territorio dende ese 13 de marzo de 2020 en que o Presidente do Goberno anunciou o inicio do estado de alarma.

Terrazas de bares da Coruña o mesmo día en que entraron en vigor novas medidas na hostalaría galega, a 8 de maio de 2021
Terrazas de bares da Coruña o mesmo día en que entraron en vigor novas medidas na hostalaría galega, a 8 de maio de 2021 | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Como aconteceu nas festas de Nadal, a suba de contaxios deste verán de 2021 non é paulatina senón exponencial. Analizando as cifras das últimas xornadas, a metáfora máis adecuada é a dunha bóla de neve que, conforme vai descendendo pola montaña, se fai máis e máis grande; o que, á súa vez, acrecenta a velocidade, sentando o precedente dun perigoso círculo vicioso ante o cal a Xunta tan só contempla, polo momento, restricións á hostalaría.

A problemática dos contaxios desta quinta vaga arrinca, como se pode apreciar nesta gráfica, arredor das festas de San Xoán. O mes de xuño volveu ser o escollido para a desescalada, que neste segundo ano de pandemia implicou o regreso do ocio nocturno e a flexibilización do emprego da máscara en exteriores. Polo momento, as autoridades limítanse a sinalar o botellón como foco dos contaxios.

O incremento de casos, que nun momento era continuo pero moderado, estala definitivamente na última semana, en que Galicia duplicou a conta total de contaxiados. Así, o pasado xoves 9 a Comunidade tiña un total de 3.670 casos activos, moi por diante dos 1.250 do 21 de xuño --cando se acadou a mínima do que vai de ano--, pero tamén moi lonxe dos 7.208 dos que vén de informar o Sergas.

OS CONTAXIOS QUE NON SE VEN

A problemática de Galicia, que vén de rexistrar por primeira vez en meses máis de 1.000 novos contaxios nunha soa xornada, non só está nas cifras globais de positivos; sen dúbida impactante. O número que, se cadra, debería xerar máis preocupación sitúase na taxa de positividade, que marca a porcentaxe de PCRs realizadas das que sae un diagnóstico positivo.

A OMS marca como limiar recomendable para ter controlada a pandemia o 5%, mentres que Galicia se sitúa nestes momentos no 9% despois de ascender lixeiramente. Dúas xornadas atrás chegara ao 13'2%, circunstancia que leva a pensar nunha situación sensiblemente peor da que son capaces de rexistrar os indicadores do Sergas. Cos casos disparados e sen perspectiva de cambio, a esperanza queda posta en que as vacinas cheguen axiña. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta