Critican que as mineiras poidan "encher máis os petos" cos fondos de recuperación

Con motivo do Día Mundial contra a Minaría a ceo aberto, plataformas de todo o país déronse cita en Touro para denunciar o "extractivismo sen límites" ao que se somete o territorio galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O movemento ecoloxista e veciñal fai unha "chamada de atención" á "constante" contaminación de espazos naturais, augas e hábitats provocada por un "extractivismo sen límites". Aproveitando o Día Mundial contra a Minaría a ceo aberto, que se celebra cada 22 de xullo dende o ano 2009, varias plataformas galegas de persoas afectadas e ameazadas por proxectos mineiros nas súas contornas déronse cita en Touro para reivindicar que "esta actividade industrial é insostible". 

Encontro veciñal no Día Mundial contra a minaría a ceo aberto
Encontro veciñal no Día Mundial contra a minaría a ceo aberto | Fonte: Plataforma Mina Touro-O Pino Non

Un ano máis, asegura a 'Plataforma Mina Touro-O Pino Non' nun comunicado, "continuamos denunciando os plans de minaría agresiva e especulativa, que en época de pandemia pon os seus ollos nos fondos públicos para a recuperación económica". Ao tempo, a plataforma veciñal critica o "lavado de cara" das actividades mineiras mediante discursos "enganosos" de sostibilidade, vertidos cero e "falsas" enxeñerías sociais". "Un ano", indican, "onde as mineiras tiveron alento para seguir cos seus plans mentres a cidadanía tiña que estar confinada". As plataformas contra as minas cualifican de "auténtica burla" que se empreguen os fondos Next Generation para "encher máis os petos" das empresas mineiras. 

Fronte a isto, a plataforma contra a mina de Touro pon o foco nas accións da cidadanía para "desbaratar" os plans e "desenmascaralos". "Así se demostrou en Salamanca coa anulación da mina de uranio, en Touro e O Pino coa DIA e resolución negativa da mina de extracción de cobre a pé do Camiño de Santiago, ou na Montaña de Cáceres coa paralización do proxecto da mina de litio", exemplifican.

Acompañados por Amigos da Terra, Sindicato Labrego Galego, Comisión contra as minas na Terra Chá ou o movemento contra a minaría de litio en Portugal, Touro manifestou o seu "máis unánime rexeitamento á minería ao descuberto" e reiterou igualmente "a negativa a un proxecto mineiro no noso territorio". "Nunca terán a licenza social nin os informes que validen as súas destrutivas accións sobre o medio natural, cultural, as augas, a biodiversidade e os nosos medios de vida cos que a minería ao descuberto e o extractivismo é totalmente incompatible", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta