Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 14:57
O presidente de Esquerra Republicana e exvicepresidente do Govern catalán, Oriol Junqueras, proclamou que a república catalá "non só é posible, senón inevitable" e defendeu que "non hai camiño máis rápido e efectivo que o recoñecemento internacional".
Na súa intervención nun acto organizado polo BNG coas delegacións das máis de 30 forzas políticas nacionalistas e soberanistas convidadas a Galicia con motivo da celebración do "Día da Patria", Oriol Junqueras trasladou "unha mensaxe de optimismo", aínda ao recoñecer que as súas aspiracións se enfrontan a "circunstancias difíciles".
Na súa opinión, incluso o cárcere, da cal el saíu hai un mes tras ser indultado polo Goberno, forma parte do "camiño á liberdade, a xustiza e a igualdade" para defender un principio democrático que resumiu en que "cando un pobo se expresa reiteradamente en determinado sentido político, a obrigación das institucións é que a vontade se concrete".
Aínda que na súa opinión a república catalá é "inevitable", é preciso que sexan "moitos máis e moito máis fortes" os que a defenden, polo que apostou por dirixirse a sectores "cada vez máis amplos" da sociedade cun discurso "o máis amplo posible".
Así, resaltou a importancia da comunidade internacional, da que dixo que se achega ao soberanismo catalán cunha óptica "antirrepresiva" e tamén de "defensa da negociación". "Sempre nos piden que sexamos os abanderados, os paladines dos procesos de negociación. Non levantarse nunca das mesas de negociación", exclamou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.