Os empresarios denuncian que o turismo e a hostalaría están "pagando" a quinta vaga

O presidente de Clúster de Turismo de Galicia sostén que as axudas ao sector foron "insuficientes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2021 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, denunciou que as axudas ao sector do turismo e a hostalaría "nunca foron, nin son, suficientes" e lamentou que as administracións non se puxeran " de acordo" para axudar a un sector "tan machucado pola pandemia de covid-19".

Así se expresou este domingo Pardal nunha entrevista concedida a RNE Galicia e recollida por Europa Press, onde criticou que o convenio para as axudas asinado pola Xunta de Galicia e o Goberno central é "un desastre", xa que "ninguén cumpre os requisitos". Con todo, encomiou a medida dos ERTE, "que permitiu salvar postos de traballo".

Respecto das novas restricións que entraron en vigor en Galicia este pasado sábado, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia recoñeceu que "entre pechar e traballar con limitacións", prefiren traballar e asegurou que cumpren "estritamente as condicións consensuadas e estipuladas pola Xunta".

Neste sentido, asegurou que hostalaría e turismo están "a pagar" a quinta onda de contaxios por covid-19 "de forma desatinada". "Somos lugares seguros pero non podemos controlar as aglomeracións que se forman fóra dos locais. Parece que hai xente á que non lle importa a saúde dos seus pais e avós; estamos a xogar coa saúde das persoas", lamentou Pardal, que recoñeceu que "se volveu atrás cos contaxios", pero que "confía" no avance da vacinación.

O TURISMO NACIONAL, CHAVE

Respecto da situación do turismo, o responsable do Clúster asegurou que o turismo nacional será clave este verán. "Xa nos sacou as castañas do lume o verán pasado, igual que o dos propios galegos, que se moven entre provincias". Con todo, asegurou que a climatoloxía, sumada ao medo aos contaxios, está a provocar algunhas cancelacións.

Pardal destacou as "boas cifras" do turismo rural, ao que os viaxeiros recorren para fuxir das aglomeracións, con máis risco de contaxio. "É practicamente imposible atopar unha casa rural durante unha semana no mes de agosto", comentou o presidente do Clúster.

Cesáreo Pardal tamén se referiu ao ano Xacobeo 2021, "con cifras de peregrinos lonxe das doutros anos", pero respecto ao que se mostrou confiado, sobre todo en canto á prolongación extraordinaria a 2022. "Esperemos que o que vén sexa o mellor Xacobeo da historia", desexou Pardal, que comentou que os albergues máis pequenos "están a pasalo realmente mal" polas limitacións de aforamento.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, en Santiago
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta