Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 22:20
A celebración de rallies está xerando controversia na sociedade galega polas súas implicacións ambientais nun contexto de emerxencia climática e tamén de crecente sinistralidade nas estradas do país. A finais de xullo era a asociación Verdegaia a que denunciaba que a Xunta de Galicia patrocinase estes espectáculos competitivos no canto de concienciar sobre a contaminación derivada dos vehículos a motor.
Agora, a asociación ecoloxista Adega volve alzar a voz contra a celebración no vindeiro mes de outubro do "Rally Hispania" en Ourense. Segundo indica nun comunicado, o Servizo de Patrimonio Natural de Ourense vén de confirmarlle que nin a Deputación de Ourense nin a empresa promotora do evento teñen autorización ambiental para levar a cabo este evento, previsto en Zona de Especial Conservación ZEC Macizo Central e Rede Natura 2000.
A celebración do evento “Rally Hispania”, segundo o anuciado pola Deputación de Ourense o pasado mes de xullo, terá lugar entre os días 16 e o 22 de outubro, no que se prevé que uns 180 pilotos de 26 países percorran en motos, quads e SSV máis de 1.500 km da provincia, atravesando de cheo o ZEC Macizo Central Ourensán. Na presentación do evento, na que participou o presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, indicábase así mesmo que a Estación de Montaña de Manzaneda sería o centro de operacións do campionato, cualificado como único rally internacional Tour Terrain do territorio estatal.
Tras ter coñecemento do anuncio do evento, a organización ecoloxista solicitou información na Xunta sobre as autorizacións emitidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou por outros servizos competentes para a celebración deste campionato, que os ecoloxistas entenden "masivo e potencialmente agresivo coa contorna, especialmente, nunha zona de especial conservación e espazo natural protexido".
Tanto o centro operacional do evento como o percorrido da carreira motorizada afectan directamente a Zona de Especial Conservación ZEC e ZEPVN Macizo Central e zona de Rede Natura 2000. "O ruído, a contaminación, o risco de atropelo e a concentración de vehículos a motor suporía un impacto inasumible para esta zona ambientalmente sensible na que se atopan hábitats de especial interese comunitario e especies ameazadas ou cun estado conservación vulnerable", sinala a organización.
En resposta á consulta de Adega, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda vén de confirmar que “no Servizo de Patrimonio Natural de Ourense non se recibiu solicitude ao respecto da celebración do evento referido”.
Polo tanto, Adega insta á Deputación de Ourense a que desconvoque publicamente o acto e "suspenda de inmediato a súa organización". Tamén reclaman que non promova a celebración de eventos agresivos co medio ambiente e dirixidos a multitudes en Espazos Naturais Protexidos (ENP), tanto por carecer das autorizacións administrativas preceptivas como polo "impacto inasumible" deste tipo de eventos deportivos en áreas de especial sensibilidade ambiental e ecolóxica.
Ademais, Adega apela á Deputación ourensá e tamén á Xunta, que aparece como patrocinadora do evento, para que abandonen este tipo de actitudes "pouco respectuosas coa normativa ambiental e cos espazos naturais protexidos". Na contra, insta as institucións a "apostar decididamente polo coidado e preservación da escasa e xa maltratada Rede Natura de Galicia", onde consideran que deberían potenciarse outro tipo de eventos ou actividades máis acordes e respectuosas co medio ambiente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.