Rías Baixas estima a recolección de máis de 43 millóns de quilos de uva durante esta vendima, un 27% máis

A data prevista de inicio será ao redor de mediados do mes de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

O órgano de control e certificación da denominación de orixe Rías Baixas calcula para este ano unha recollida de 43,7 millóns de quilos de uvas, un 27% máis que na colleita de 2020, e cuns rendementos medios de 10,455 quilos por hectárea. Unhas cifras que se traducirían en 29,7 millóns de litros. Estes datos recólleos o informe de estimación de colleita 2021 que o consello regulador presentou o pasado 23 de xullo ao pleno do organismo.

Para a elaboración deste documento, o departamento técnico do consello regulador baseouse na información proporcionada por técnicos de campo das adegas da denominación de orixe, que supervisan o 47% da superficie produtiva.

Dita información solicitouse mediante unha enquisa detallada realizada durante a primeira quincena do mes de xullo, unha vez superado o momento crítico do ciclo vitícola. Eses datos foron posteriormente ponderados estatisticamente co fin de unificar criterios.

En canto á data de inicio da vendima, o mencionado informe prevé que será a mediados do mes de setembro. Iso si, "sempre en función de como evolucione meteoroloxicamente o mes de agosto e os primeiros días de setembro", advirte o organismo. En calquera caso, constata que "o momento óptimo virá dado polo resultado dos controis de maduración que cada unha das adegas inscritas realicen nos seus viñedos".

O documento presentado xustifica este aumento de produción debido a unha taxa de brotación "elevada e homoxénea", cunha fertilidade media-alta, unha media en valores do 91,3%.Así mesmo, sinala que as diminucións deste ano foron "pouco significativas", con valores medios do 10%, que se atribúen nun 5% ao corremento de flor, un 2,8% á meteoroloxía (xeadas) e un 2,4% a pragas.

En termos xerais, o ciclo da colleita 2021 en Rías Baixas, tendo en conta o momento no que se realizou este informe, presentábase con "un atraso dunha semana e media con respecto a 2020, aínda que o ciclo vitícola iniciouse cuns 10-15 días de adianto as condicións meteorolóxicas adversas do último período retardárono".

Unha situación á que se chega tras "un inverno normal e moi húmido; unha primavera algo cálida e seca, así como un mes de xuño cunha primeira quincena cálida e unha última borrascosa e fría".

RADIOGRAFÍA

Do 1 de xaneiro ao 31 de xullo de 2021, o consello regulador verificara un total de 19.298.581 litros, o que supón un incremento do 21,9% con respecto a 2020.

Segundo as estimacións que baralla o órgano de control e certificación, as existencias de viño nas adegas da denominación previas a vendima roldarán os 4 millóns de litros.

Estas cifras mostran, segundo destaca, a "boa campaña de vendas" que están a ter os viños de Rías Baixas no mercado nacional e internacional.

Vendima. DO RÍAS BAIXAS - Arquivo
Vendima. DO RÍAS BAIXAS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta