Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/08/2021 | Actualizada ás 22:00
A Xunta destina case 150.000 euros para realizar, no prazo de 21 meses, un detallado informe sobre o estado de conservación dos tipos de hábitat de matogueira presentes en Galicia, en particular na Rede Natura 2000 e con especial referencia aos queirogais e matogueiras (tipos de hábitat de interese comunitario dos grupos 4 – Queirogais e matogueiras de zona temperada e 5 matogueiras esclerófilas). O obxectivo é "definir as medias de conservación para o mantemento ou, no seu caso, o establecemento nun estado de conservación favorable e deseñar un sistema de seguimento do seu estado de conservación".
Un contrato que chama a atención pola gran cantidade de proxectos industriais, nomeadamente eólicos e mineiros, que a Xunta está a aprobar nos últimos meses, algúns deles en zonas protexidas da Rede Natura 2000. De feito, no prego do contrato, ao que tivo acceso Galicia Confidencial, queda claro que o ámbito territorial dos traballos é o ámbito da Rede Natura 2000 de Galicia, sobre todo as 33 zonas especiais de conservación (ZEC) onde se atopan presentes os THIC numerados dos grupos 4 e 5, segundo o recollido no Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.
A maior parte do financiamento, o 75% do contrato, é da UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional (FEADER) dentro do programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR).
QUE SON AS MATOGUEIRAS?
Baixo a denominación de matogueira pódense incluír á maior parte da flora leñosa arbustiva presente en Galicia, que á súa vez, é representativa do seu ámbito xeográfico e aseméllase á de formacións análogas da fachada atlántica europea. Pola súa posición, os compoñentes desta flora representan aos mundos bioxeográficos eurosiberiano e mediterráneo. A flora leñosa das matogueiras e queirogais galegos pertence a máis de 30 familias e uns 70 xéneros.
Entre a flora das matogueiras galegas cóntanse numerosas especies endémicas ibéricas incluídas nos xéneros Adenocarpus, Cytisus, Echinospartium, Genista, Pterospartum e Ulex. Os queirogais atlánticos galegos destacan por reunir un gran numero de asociacións de interese, mentres que as toxeiras e queirogais son hábitats exclusivos de especies de flora e fauna, dependendo da súa presenza, diferentes especies de aves, anfibios, réptiles e invertebrados.
Polo menos, pódense recoñecer tres tipos principais: matogueiras clímax, matogueiras permanentes e matogueiras de substitución. En xeral, excepto as formacións de alta montaña por encima dos 1.700 m (Os Ancares e Trevinca), recoñecidas como matogueiras maduras ou clímax, e as formacións costeiras desenvolvidas en condicións climáticas extremas ou con solo limitado, recoñecidas como comunidades permanentes, o resto trátase de matogueiras de substitución. Estas últimas substitúen desde moi antigo aos bosques caducifolios característicos destes territorios como resultado dunha progresiva antropización da paisaxe motivada por practícalas agrogandeiras.
ESPECIES A INVESTIGAR
Entre os tipos de hábitat de interese comunitario (THIC) listados ba Directiva 92/43/CEE con características de matogueiras con representación en Galicia e obxecto deste contrato, atópanse os THIC do grupo queirogais e matogueiras de zona temperada, queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix, queirogais secos europeos, queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans, queirogais alpinos e boreais, queirogais oromediterráneos endémicos efFormacións montanas de Cytisus purgans e matogueiras arborescentes de Laurus nobilis.
Tamén o Plan director da rede Natura 2000 de Galicia (Anexo II do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da rede Natura 2000 de Galicia; DOG núm. 62, do 31.03.2014), recolle a presenza de 7 THIC de queirogais e matogueiras incluídos nos grupos 4 – Queirogais e matogueiras de zona temperada e 5 – Matogueiras esclerófilas, distribuídos por 57 zonas especiais de conservación (ZEC).
CONSERVACIÓN
"Existe unha percepción xeneralizada de que estas matogueiras son improdutivos e, o que é máis importante, que presentan un escaso valor de conservación. Neste sentido, débese realizar un esforzo de valorización destes hábitats, sobre todo se se ten en conta que Galicia alberga moi boas representacións dalgúns tipos, así como unha notable variedade das comunidades que os forman", recollen as bases do contrato.
De feito, a Xunta recoñece que o compromiso de manter unha determinada representación destes hábitats nun estado de conservación favorable, "esixe contar cun adecuado coñecemento da distribución e extensión dos distintos tipos e subtipos destes hábitats (carpaceiras e caramiñais, toxeiras-queirogais atlánticos, queirogais mediterráneos, toxeiras pulvinulares costeiras, queirogais hidrófilos, piorneiras de alta montaña, xesteiras eurosiberianas e mediterráneas, matogueiras encespedadas de montañas calcáreas, cimbrais climácicos de alta montaña)". Tamnén destaca que hai que ter en conta a súa dinámica particular e os usos que inciden sobre eles.
Para iso, e nos futuros criterios de identificación das distintas comunidades de queirogais e matogueiras que resulten de utilidade para a elaboración do Mapa de Hábitats de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente recomenda enclaves concretos que resulten representativos destas comunidades en todo o territorio de Galicia. "Á vista da marcada orixe antrópica que mostran gran parte das extensións destes hábitats, na avaliación do seu estado de conservación e na identificación de presións e ameazas, preséntase especial atención aos usos do territorio que modelaron a variedade de hábitats de queirogais e matogueiras presentes en Galicia, tendo en conta o significado sucesional das diferentes comunidades", recolle o documento.
Non son obxecto deste contrato as matogueiras halófilas da familia Chenopodiaceae presentes nas marismas de Galicia [THIC 1420 Matogueiras halófilas mediterráneas e termoatlánticas (Sarcocornetea fruticosae)] e as matogueiras adaptadas aos ambientes psammófilos incluídos na clase Ammophiletea, presentes nos sistemas dunares costeiros.
Tras a realización deste catálogo, a Xunta establecerá a estratexia a seguir para manter ou acadar o estado de conservación favorable requirido para cada un destes hábitats. "Isto complementarase cun necesario sistema de seguimento do estado de conservación de cada tipo de hábitat para os ámbitos local, rexional e bioxeográfico, integrado co Sistema de seguimento estatal do estado de conservación dos tipos de hábitats en España (MITERD)", engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.