Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/08/2021 | Actualizada ás 22:00
A implantación de Surexport en Galicia obedeceu no seu momento á expansión que experimentaba o consumo de froito vermello. O aumento do consumo de fresa ou arando trouxo a expansión de empresas como a mencionada e a procura de lugares onde se puidesen cultivar sen grandes esforzos hídricos. A todo isto hai que sumarlle o réxime de aluguer de terras a comunidades de montes ou particulares e que boa parte da recollida fana traballadores inmigrantes. Ademais está a impugnación das eleccións sindicais por parte de CCOO e a morte dun traballador inmigrante e as denuncias de posible explotación laboral así como presuntas ameazas ao cadro de traballadores.
SUREXPORT
As instalacións de Surexport en Baamonde e Cospeito (ambos os dous lugares na provincia de Lugo) son unha ampliación que a empresa con base en Huelva, quere levar adiante para entrar con forza no mercado do froito vermello. “Chegaron e pagaban o dobre por alugar os terreos a comunidades de montes e así retiñan terras” din desde o SLG. Un dos resultados destas prácticas é deixar sen oportunidades aos pequenos produtores para a venda do seu produto.
Por outra parte, as condicións hídricas do terreo en Galicia fan atractivo o terreo para Surexport que en Andalucía se enfronta a problemas de irrigación. Aínda así, segundo denuncia tamén o SLG “non respectan os horarios de rega, porque mentres os agricultores de aquí poden regar mediante aspersión, esta empresa usa o metodo pinga a pinga que consume máis auga”.
“Cando chegaron prometeron postos de traballo mais o que vemos agora é que veñen 300 traballadores, inmigranes a maioría, durante a época da recollida” di Cristian López da CIG. “Esta é unha empresa que vive da súa imaxe con varios lanzamentos comerciais apoiados en actos de presentación”.
“Sabemos que levan aquí desde hai seis ou sete anos cando se puido observar un mar de plástico en Baamonde” di Carlos García de UGT. García sinala que desde o seu sindicato descoñecen os motivos que moveron a Surexport a moverse cara a Galicia.
CONDICIÓNS DE TRABALLO E ELECCIÓNS SINDICAIS
As denuncias sobre as condicións de traballo falan de ausencia de auga potable para o persoal, xornadas de entre 12 e 14 horas, estando expostos mesmo ás horas de máis sol e situacións hixiénicas “deplorables”. Desde forzas sindicais como SLG denuncian que ás veces “estenden lonas para cubrirse do sol mentres comen e para isto teñen 30 minutos”.
A tempada de recollida ten o seu punto máis elevado nos meses de verán, aínda que en febreiro xa se achegan traballadores que “preparan o terreo”. Cando remata a tempada de recollida en Andalucía, os temporeiros chegan en autobuses para seren aloxados, nalgúns casos, en vivendas alugadas ás veces carentes dalgúns servizos ou en pensións e locais previamente contratados pola empresa. Así fálase dun local alugado no polígono industrial de Castro Ribeiras de Lea. “Surexport é unha empresa da que se un traballador encontra outra oportunidade, vaise” di Cristian López. “Se ese traballador ademais se implica na reivindicación de dereitos xa non pode vivir tranquilo”.
Así e todo, o pasado 25 de agosto celebráronse eleccións sindicais, a única candidatura presentada foi a de UGT. Carlos García, representante deste sindicato, apunta que o feito de seren a única candidatura obedece a que “dentro do período electoral é cando se presentan as candidaturas e a nosa foi a única que apareceu”. Desde CC.OO, José Luis López apunta que “tiñamos 11 candidatos para as nosas listas e dun día para outro nos din que non podemos presentarnos porque dimitiron 5 da nosa candidatura”. López sospeita de presións internas desde a dirección da empresa para obrigar a estes cindo traballadores a abandonar a lista.
“Existe unha forte oposición aos sindicatos agás a UGT” di Cristian López. “Non nos puidemos presentar, CCOO tampouco puido presentarse e á parte existen sospeitas de chivatos que informan sobre as candidaturas”. “O que din outras forzas sindicais foi o que lin e vin nos medios, non entro a facer valoracións” di Carlos García “que non houbese outras candidaturas é algo habitual en todos os procesos electorais para comités de empresa”. García engade que “os mesmos traballadores e traballadoras de Surexport teñen visto como os rexeitaban con pancartas mentres eles me din que veñen facer o traballo que non queren facer os españois”.
O día 27 de agosto CCOO lanzaba un comunicado onde se lía que“do censo de 300 electores (en Surexport), votaron 192, 184 en apoio a UGT e 8 en branco.”, confirma o que denunciabamos o mércores pasado, que a votación “van facer o paripé da votación hoxe pola tarde”. Tan paripé debeu ser que mesmo inventou o 87,5% do censo oficial e que votaron 192 cando o máximo posible legalmente eran 160 traballadores/as con dereito a voto”.
INFLUENCIAS POLÍTICAS?
Indo máis lonxe, hai quen apunta á influencia de Ángel Tomé Roca, secretario xeral comarcal de UGT Lugo e irmán do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca. Esa influencia sobre os procesos electorais en Surexport é para Carlos García unha acusación sen sentido. “É como se un sindicalista non puidese ter un familiar nun alto cargo” e engade ademais que “ante as acusacións de que haxa parentes de Tomé dentro de Surexport en Galicia podo afirmar que non é certo”.
E mentres o proceso electoral entraba na última fase, o pasado 20 de agosto morría un dos traballadores de Surexport. O suceso ocorreu en Castro Ribeiras de Lea cando un temporeiro de 25 anos e orixe romanesa. As informacións que manexa UGT é que esta persoa sufriu un ictus mentres durmía, aínda que non queren pronunciarse antes de que saia a autopsia. Desde a CIG evitan especulacións mentres que CCOO pediu a investigación do acontecido.
Surexport segue traballando terras na provincia de Lugo e a intención é continuar espallando a produción en Galicia. Os prezos que paga por aluguer de terras son superiores a outras oferas, aínda que tamén se acusa a esta empresa de ocupar terreos sen os permisos pertinentes. A investigación das condicións laborais e hixiénicas, así como o esclarecemento da morte dun traballador e a polémica arredor das eleccións sindicais do 25 de agosto, de momento son cuestións que están a influír no comportamento de Surexport.
Galicia Confidencial púxose en contacto vía telefónica con Surexport, en concreto a súa sede central en Andalucía e de aí foi derivado á axencia de prensa. Non houbo resposta telefónica nin ao email que se enviou directamente ás oficinas centrais da empresa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.