Por Alicia Casas | Compostela | 12/09/2021 | Actualizada ás 22:00
Pasadas cinco horas limpando peixe, así que pita a serea que anuncia o descanso, unhas oitenta mulleres soben con présa unha escaleira con piso mollado. Todas queren ter tempo pra comer un bocadillo e fumar un cigarro, e así que pite de novo a serea que anuncia a volta ó traballo, deben estar abaixo. Así que mellor con apuro, porque pra ir fóra e comer un bocadillo e fumar un cigarro, antes hai que chegar aos vestiarios e cambiar os plásticos, a mandileta, os guantes...E as taquillas unhas enriba das outras e moitas mulleres e quince minutos. Entre bucina e bucina hai quince minutos exactos e ningunha quere unha falta nin que a boten pra casa. Unha das veces que viñan do descanso, baixando a escaleira, caeu unha señora e bateu coa espalda. É que non saben nin andar as papaostias estas, dixo o encargado.
Neses quince minutos que dividen a xornada laboral de oito horas (e media), cómpre mellor tamén ir ó baño. "Se vas máis de dúas veces chámante a atención porque ti vas limpar peixe, tes que vir orinada da casa".
A experiencia é unha lembranza. Hai cinco anos na conserveira Rianxo Miramar, subcontrata de Jealsa, María Galván traballou durante tamén quince días. Ela comezou no choio porque co outro que tiña non lle chegaban os cartos, entón como tiña o resto do día ocupado, foi para aí na quenda da noite. Comentoulle á muller que leva as contratas que non sabía se aguantaría porque daquela non llo diagnosticaran, pero padecía fibromialxia, e tiña por momentos dores "insoportábeis" e no médico recomendábanlle repouso. "Así que me enterei do que ía cobrar, tal e como eu estaba, díxenlle que se me facía o favor de mandarme ao paro. Porque aínda que me daban a baixa, ao levar tan pouco tempo no traballo, pedila parecíame unha vergonsa", recorda.
Daquela pagaban a 4'40 a hora, 2'20 a media hora extra-diaria que fan obrigadas. Entre 600 e moito e 700 e pouco era o que cobraban todas as mulleres a final de mes. Pero firmaban a subcontrata, que eran 1.200. Agora, logo de vir a inspección de Jealsa e a piques de pechar a fábrica, cobran algo máis de 900. María Galván imaxina que hai outra cousa que agora é diferente e a causa é a pandemia: non ter que beber as 80 mulleres polo mesmo vaso. Pero a auga que beben, di, si é a mesma. A mesma coa que limpan a conserveira: "a garrafa énchena cunha mangueira que vai polo chan e pasa polo medio dos cocedeiros. Dá, literalmente, augha quente".
Tamén o váter é o mesmo. Que é o mesmo que dicir que non hai. Teñen un buraco no piso do baño, que baldean todo con sosa pasadas as cinco horas na quenda da noite. "Unha morea de mulleres tiveron problemas por iso, a miña nai a primeira, porque despois de mexar, só por salpicar, fánselles buracos na pel ao atravesar a sosa os zapatos ", di.
Pero a nai de María Galván non diría o mesmo que a súa filla, diríame, dime, que "mellor malo coñecido que 'bueno por conocer'", e ela pensa que pola zona "abusan tanto, tanto, diso...". A nai de María Galván, como a maioría de mulleres que traballan na fábrica, é da aldea, e valora ter o traballo do lado da casa. Di María Galván que o que son en realidade "cousas normais" algunhas mulleres síntenas como "privilexios". E da mesma forma que as traballadoras son da aldea, son tamén os xefes da conserveira. Unha empresa familiar dirixida por tres irmáns: dous homes, que son realmente os que mandan, e unha muller, unha "empregada máis" encargada das contratas e quen realmente "humaniza" o traballo.
"É xente que é de moitos cartos xa de sempre, estará gañado e o que queiras, pero non deberían facer iso coa xente do pobo. Esa é a amarghura de todos os días: ver que se están rindo de ti na cara, de xente que vai aí traballar porque precisa os cartos", comenta. Ela recorda o seu último día na empresa, como tivo que pinchar un relaxante muscular pra poder ir ó traballo. Ese día precisou subir ó baño da dor que tiña. "Non había nin onde sentar, pero polo menos apoiar a espalda na parede porque non podía con ela". Logo do descanso, de que llo aconsellera unha amiga, e das bágoas, chamou polo xefe. Díxolle que estivera aguantando pero que non podía máis e ía marchar para a casa. Pra o que estás a faser é mellor que estés na casa, contestou o encargado.
Que non valoran o traballo, nin parecido, é algo no que todas as mulleres que pasaron pola fábrica concordan. As que se xubilaron, as que chamaron de Jealsa ou de Cortizo e non voltaron, e as que estiveron un día e ese mesmo día marcharon. Non aguantaron, di María Galván, non en si polo traballo. Non esixen unha cantidade de caixas. Ten máis a ver co trato dos xefes de cara aos seus empregados. "Aghora, tamén che digo unha cousa, ese trato tan malo é machismo", zanxa.
Na conserveira Rianxo Miramar traballan 80 mulleres e 4 homes, cifra arriba cifra abaixo. Eles cobran sobre 1.300 euros, teñen vacacións e páganlles as horas extraordinarias. E di María Galván: "Acórdaste do que che comentei dos descansos, non? Pois eles teñen un vestiario para eles sós". Xa máis aló de condicións laborais, os patróns cos rapaces que traballan nos cocedeiros e cos que manexan as carretillas, "lévanse xenial con todos". Namentres,
"Ti daste conta polos comentarios déspotas que teñen cara as mulleres, de que aprecio ninghún. E é a xente que lle está a dar de comer todos os días. Ti pensa en cantos homes e cantas mulleres son. Está claro que aí quen traballa son as mulleres, que son as que están cortando o peixe".
Ela acórdase mesmo do caso dun home que comezou traballar na fábrica canda ela. De como el si podía repousar, ir a fóra, ou o seu salario aumentou ao pouco de chegar á empresa. Acostumada á zona do Barbanza, da que di que todo en relación a soldos e contratas está moi mal, argumenta o peor: "ti esfórzaste pola empresa, para que esté contenta, e a empresa rise de ti constantemente. Queres avanzar, ves que estás a facer todo o posible por avanzar, pero téñenche estancada".
A dureza do traballo das mulleres do mar non é ningunha sorpresa. Tampouco o son a discriminación entre mulleres e homes, a precariedade ou a fenda salarial. Pero agudizadas, iso si, nun sector que dende as súas orixes se conformou como a actividade propicia para xerar o complemento salarial das familias: para completar os salarios dos homes, engadindo ao traballo da muller na casa o traballo na fábrica. Hoxe certas cousas mudaron, pero mesmo máis aló das fronteiras de noso, encarna o paradigma das desigualdades no traballo entre xéneros. Por mal vello coñecido, queda o bo por coñecer.
Aquí, Uxía Iglesias recolle a descuberta de Xurxo Souto: a canción protesta das mulleres das fábricas contra os abusos dos seus patróns.
Cando queres ir pra casa
Co corpo coma fariña (bis)
Alá vén señor Ribeiro
Aínda hai que aceitar sardiña (bis)
Cala a boquiña, anda lixeiriña
No esteas a protestar
Que como ábra-la boquiña
Mañá non vés traballar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.