Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 16:14
Hostaleiros, comerciantes e empresarios culturais de Santiago de Compostela poderán acceder a un ciclo formativo en liña da Oficina de Promoción Económica, que tratará sobre as necesidades derivadas da 'economía COVID'.
O ciclo forma parte do plan de reactivación económica e social do Concello compostelán, e foi desenvolvido polas técnicas de proxectos da Implictum Raquel Piñeiro e Tania Aira, que foron as encargadas de debullar a formación nunha rolda de prensa.
O programa componse dun ciclo de accións formativas, dirixidas a empresas e profesionais dos distintos sectores económicos que buscan adquirir novos coñecementos e realizar plans de mellora para os seus negocios.
As actividades centraranse en cinco eixos: retos do comercio local, que se impartirá entre o 22 de setembro e o 20 de outubro; economía circular, do 14 de outubro ao 11 de novembro; eventos enpandemia, do 16 ao 23 novembro; produtos e servizos culturais, do 11 de novembro ao 9 de decembro; e teletrabajo eficaz, do 18 ao 25 de novembro.
RECURSOS FORMATIVOS ADICIONAIS
Ademais das sesións grupais, cada acción formativa inclúe tres horas de tutorización individual e o acceso a unha plataforma con recursos formativos adicionais. A metodoloxía da formación virtual basearase en ferramentas que buscan a participación de toda a organización para involucrar de forma proactiva ás persoas participantes xerando medidas máis efectivas e simples de aplicar nas empresas.
O principal obxectivo do programa é apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio. Para isto, búscase sentar os procesos de mellora empresarial e emprendimiento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do municipio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.