A primeira novela en galego volve ás librarías nunha edición que reproduce o manuscrito de Marcial Valladares

'Maxina ou a filla espuria' foi publicada en 1880, no mesmo ano que Follas Novas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2021 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A primeira novela contemporánea das letras galegas, 'Maxina ou a filla espuria', regresa ás librarías 141 anos despois da súa publicación a través dunha edición especial que presenta a obra ao público lector do século XXI e inclúe a reprodución facsimilar o manuscrito conservado no arquivo da Real Academia Galega (RAG).

Marcial Valladares (1821-1903) escribiu 'Maxina ou a filla espuria' en 1870, pouco despois de rematar a versión inicial do seu dicionario galego-castelán, o primeiro gran dicionario da lingua galega e a obra que reportou un maior respecto entre os coetáneos.

Pero o protagonista do Día das Letras Galegas de 1970 tamén foi gramático e desenvolveu unha notable recollida de cantigas e refráns. Ademais, tal e como lembra a RAG nun comunicado, mereceu un lugar destacado no Rexurdimento como pioneiro no uso do galego como poeta e autor de Maxina.

Aínda que estaba previsto que a edición semifacsimilar da obra fora presentada este mércores ás 19,00 horas en Berres, a parroquia da Estrada onde naceu e viviu, finalmente trasladarase a presentación ao Teatro Principal por mor da chuvia. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participará na presentación do volume canda o responsable da edición, Xesús Domínguez Doo; o alcalde da Estrada, José López; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

'Maxina ou a filla espuria' publicouse por primeira vez en 1880, o mesmo ano que 'Follas Novas' de Rosalía de Castro. A obra viu a luz en 16 entregas na revista 'A Ilustración Galega e Asturiana', dirixida por Manuel Murguía.

Seguindo os trazos do folletín, a novela narra a historia desgraciada de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras e queda embarazada dunha filla á que chamará Maxina. A pequena será criada por dous campesiños, Inés e Caitán, xunto ao seu medio irmán Ermelio, afillado de Salvio, o señorito de Rebordán, namorado e pretendente de Otilia.

A primeira novela en galego volve ás librarías nunha edición que reproduce o manuscrito de Marcial Valladares. MIGUEL GRANDÍO /RAG / Europa Press
A primeira novela en galego volve ás librarías nunha edición que reproduce o manuscrito de Marcial Valladares. MIGUEL GRANDÍO /RAG / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta