Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 17:42
A Cámara galega, cos votos a favor do PPdeG e a abstención de PSdeG e BNG, instou á Xunta a retomar canto antes os traballos de elaboración do plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia.
En concreto, o encargado de defender a iniciativa na Comisión de Cultura e Educación foi o deputado do PPdeG José Luís Ferro, quen sinalou que este documento deberá analizar a situación actual para enfrontar os retos e as necesidades futuras para reforzar o papel do libro galego e o hábito lector entre a cidadanía, favorecer a consolidación da industria cultural e impulsar a internacionalización do libro e da literatura galega.
Ferro lembrou que desde o ano 2019 está constituído un grupo de traballo no seo do Consello Asesor do Libro para elaborar un plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia, que "debe contar co maior consenso posible para resultar útil e eficaz".
"A consolidación dunha sociedade lectora debe ser un obxectivo central de calquera política cultural", sinalou o deputado popular, que engadiu que "para avanzar neste camiño, o Goberno galego impulsa a mellora dos servizos bibliotecarios, a través da rede de bibliotecas públicas de Galicia e das bibliotecas escolares, traballando coas organizacións sectoriais do ecosistema do libro e da lectura e favorecendo o labor das empresas editoras e das librarías de Galica".
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Tanto BNG e PSdeG optaron por absterse na votación desta iniciativa que saíu adiante grazas á maioría do PPdeG. Así, en primeiro lugar, a deputada nacionalista Mercedes Queixas, que defendeu unha emenda de substitución do texto inicial que foi rexeitada polos populares, acusou ao popular de facer un "exercicio de funanbulismo lingüístico" e criticou que este plan "leva 15 anos pendente de realizarse".
Nesta liña, a parlamentaria socialista Noa Díaz asegurou que pasaron xa "máis de tres anos" desde que a Xunta anunciase este plan e instou ao departamento autonómico a "deixarse de escusas" e "porse a traballar con urxencia". "Déixense de xustificacións, aproben o plan e incrementen o orzamento para a adquisición de fondos", sostivo.
AXUDAS Á TRADUCIÓN
Na reunión da Comisión de Cultura e Educación da Cámara galega, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que en dez anos a Xunta mobilizou case 2 millóns de euros en axudas á tradución, que permitiron que fosen traducidas 686 obras, 219 do galego a outras linguas. Ademais, estes apoios beneficiaron 168 empresas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.