Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2021 | Actualizada ás 18:21
O vídeo dunha nena tentando comunicarse en galego con 'Siri', a intelixencia artificial que exerce de asistente de voz dos dispositivos de Apple, reavivou o debate sobre o uso da lingua entre os mozos, nas novas tecnoloxías e, especificamente, sobre a actuación da Xunta para tentar paliar a situación do idioma.
Na peza, que se fixo viral esta fin de semana a través da rede social Twitter, obsérvase a menor tentando insistentemente que a aplicación lle responda varias preguntas en galego, ás que a asistente lle contesta: "Creo que no te entiendo".
Decenas de usuarios da plataforma compartiron e difundiron o vídeo da pequena, que serviu para acender de novo o debate sobre a situación da lingua galega nas novas tecnoloxías, o espazo dixital e especialmente sobre os datos de uso entre os mozos.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, postulouse este luns sobre a polémica, e recoñeceu que a peza audiovisual "reflicte unha realidade", que é a necesidade de potenciar e situar o idioma nas novas tecnoloxías e, particularmente, nos mecanismos e aplicacións que utilizan sistemas de recoñecemento de voz.
Neste sentido, lembrou o 'Proxecto Nós' da Xunta e a Universidade de Santiago para "tratar de resolver esta cuestión" e tentar situar o galego en contornas dixitais ou aplicacións de intelixencia artificial.
"Conseguiremos que 'Siri' fale galego, claro que si. Non é doado pero estamos nese camiño", sinalou García, para apelar á importancia que grandes corporacións, como Microsoft ou Apple, se impliquen e teñan en conta este idioma nos seus dispositivos e ferramentas.
EFECTO "DESGALEGUIZADOR"
Con todo, o debate xerado polo vídeo da moza galega foi máis aló, dado que gran parte dos usuarios que participaron na discusión en redes sociais advertían da caída nas cifras de falantes entre os máis novos, culpando diso ao factor castelanizador que ten a escola en Galicia nas grandes cidades.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pronunciouse sobre o vídeo no seu propio perfil de 'Twitter'. "Non podo prometer que 'Siri' nos axude algún día a 'recoller as cousas' (en alusión a unha das frases da pequena), pero creo que máis pronto que tarde falará en galego grazas ao #ProxectoNós".
O pai da menor, o edil compostelán Jorge Duarte, respondeu a Rodríguez que o problema non é a aplicación de voz, senón o factor desgaleguizador do sistema educativo na actualidade.
"Gravamos a nosa filla falando galego porque agora que inicia a súa escolarización deixará de falalo, como lle pasa a todos os nenos. O problema é que faltan políticas que fomenten o uso do galego para que deixe de parecer unha lingua de segundas", trasladou.
"TEN QUE ESTAR NESTA PARTIDA"
Respecto diso, Valentín García insistiu en que esta realidade se dá por unha conxunción de factores: o efecto das contornas urbanas, tradicionalmente "máis desgaleguizadas", a cada vez maior concentración de poboación nas cidades e o baleirado do medio rural, a dispoñibilidade de espazos de uso ou a súa presenza no lecer e na vida da poboación.
"O que nos din as estatísticas é que os nenos acaban cada ciclo, cada curso, coa maior capacidade que tivemos nunca para poder comunicarse, para poder escribir, para poder ler en galego... Cal é o problema? Que despois non o usan porque a contorna fala castelán", engadiu.
É por iso que as políticas e a acción institucional debe incidir, especialmente en situar o galego nos espazos nos que viven os mozos, que se ven rodeados dunha realidade tecnolóxica e social "cada vez máis ampla". "O galego ten que xogar esta partida", insistiu García, para considerar que esta necesidade é precisamente o que "ilustra" o vídeo da nena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.