Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/09/2021 | Actualizada ás 22:00
“Ha llegado el momento de cerrar un ciclo que ha durado más de 13 años. Hoy pongo punto y aparte a la política activa. Dejo de ser concejal y dejaré mi escaño en el Senado. Ha sido una decisión muy meditada, muy pensada y muy analizada... Regreso a mi “hogar”: al Campus de Ourense. Vuelvo a la docencia, vuelvo a desempeñar mi profesión, vuelvo a la Facultad”. Así se despedía a principios de setembro Jésus Vázquez, ex conselleiro e ex candidato do PP na cidade de Ourense.
Marchaba sen agradecer nada a ninguén do seu partido. Tampouco había reproches. Só recoñecer o “enorme desgaste personal, fruto del esfuerzo y el sacrificio, a veces recompensado con sinsabores” da súa etapa como concelleiro en Ourense. Puña así punto e final a unha traxectoria política de 12 anos cando foi chamado por Núñez Feijóo para dirixir a consellería de Educación. En 2012, asumía tamén a carteira de Cultura que deixaba vacante Roberto Varela. Un departamento que abandonaba en 2015 para presentarse como candidato do PPdeG na cidade de Ourense, da que acabaría como alcalde ata que en 2019 tiña que cederlle o bastón de mando a Gonzalo Jácome. E aí comezou o seu vía crucis.
Un vía crucis no que tivo que facer o que lle impuña o seu partido en Ourense, comandando por Manuel Baltar, e no que Feijóo deixou facer. Vázquez estivo só durante estes dous últimos anos. Mantivose fiel ao que anunciara durante a campaña; que el non ía pactar nunca con Jácome. E o espectáculo bochornoso do seu partido rompendo primeiro un acordo co líder de Democracia Ourensana e logo volvendo a pactar, foi a pinga que rebordou o vaso. E, en todos estes anos de dura agonía, Feijóo, que foi quen o “sacrificou” para obter a alcaldía de Ourense, deixouno só.
A traxectoria de Jesús Vázquez non é diferente a doutros ex conselleiros “queimados” polo actual presidente da Xunta. Desde o 2009 nesta lista están dun ou doutro xeito seis ex conselleiros máis. Algúns máis “queimados” que outros, pero todos, conscientes de que sacrificaron a súa vida persoal e política por orde do seu presidente; Agustín Hernández, José Manuel Varela, Javier Guerra, Beatriz Mato, Elena Muñoz e, dalgún xeito, Jesús Vázquez Almuíña. E só un deles, Javier Guerra, un empresario de prestixio antes de entrar na política activa, atreveuse a tuserlle a Feijóo, e amagou con plantarlle cara en Vigo nas listas de Ciudadanos. O resto, dun ou doutro xeito, achantaron, ben porque se lles deu algún outro posto institucional polos servizos prestados, ou ben porque decidiron retirarse da vida política sen facer ruído.
"NON SE LLE PODE DICIR QUE NON"
“Ao presidente é imposible dicirlle que non. Se te chama para algo, sexa un 'marrón' ou non, nunca podes dicir que non”, apuntan fontes consultadas por GC. As catro maiorías absolutas colleitadas por Feijóo fan que sexa o líder indiscutible do partido en Galicia e, especialmente, da Xunta, o seu feudo particular. Pero ese dominio que ten do partido en Galicia e do Goberno galego, non é absoluto. Hai provinicias e comités locais que escapan ao seu control. E é aí cando utiliza pezas destacadas do seu gabinete para completar un quebracabezas con moitas fichas soltas. E, en moitas ocasións, estas operacións desde arriba, non lle saíron ben. Aconteceu con Agustín Hernández en Santiago, con Elena Muñoz en Vigo, con Beatriz Mato na Coruña ou co propio Jesús Vázquez en Ourense.
Agustín Hernández chegou para apagar un lume que iniciara o polémico ex rexedor Gerardo Conde Roa e que, finalmente, lle valeu perder a alcaldía de Santiago fronte a Martiño Noriega tras ter en contra a boa parte do comité local do PP de Santiago. Tras ser “sacrificado”, Feijóo consciente da súa operación, acabou nomeandoo presidente do Consello Económico e Social.
O mesmo aconteceu con Elena Muñoz, que foi a aposta de Feijóo en Vigo para tentar pacificar un comité local ingobernable -desde a época do alcalde popular Manuel Pérez e colleitou un sonoro fracaso, perdendo tres edís e deixando ao PP en Vigo con catro actas. Dimitiu aos poucos días e, tamén, como no caso de Hernández, tamén se lle buscou outro acomodo sendo designada senadora por designación autonómica polo parlamento de Galicia. E tampouco conseguir unir ao partido en Vigo, que continúa dividido.
Beatriz Mato tamén tivo que marchar á Coruña a apagar outro lume pouco antes das municipais do 2019 para substituír como candidata a líder local Rosa Gallego. A pesar do poder de Mato dentro do PP provincial, non foi quen de apaciguar os ánimos, nin conseguir a alcaldía. Pouco despois, como fixo despois Jesús Vázquez, renunciou como concelleira e como deputada para centrarse en actividades empresariais.
DESPOIS DE FEIJÓO... O "CAOS"
Certo é que mentres estea Feijóo ninguén lle vai facer sombra no seu partido. Se decide presentarse a un quinto mandato –como semella-- todo serán louvanzas. “É o líder indiscutible”, suliñan estes altos cargos consultados que tamén son conscientes de que cando falte el “o partido será unha desfeita, peor que o PSOE galego de agora”.
Fiel a teoría dos grandes dirixentes políticos de “eu ou o caos”, Feijóo cimentou durante estes anos unha férrea obediencia a súa persoa que se ve reforzada por un control case absoluto de medios de comunicación que lle son afíns e que apagan tamén calquera disidencia interna. Só se lle escapan baronías locais ou provincias, onde deixa facer só ata onde quere deixar facer ou non pode, como no caso de Ourense ou Vigo. Unha férrea disciplina que é unha vantaxe en tempos de paz, pero que xerará un enorme caos cando el non estea.
E mentres vai acomodando o futuro. Vai sinalando xa posibles alternativas á súa ausencia como a decisión de que só Francisco Conde e Alfonso Rueda sigan como parlamentarios. Un xeito de fomentar a bicefalia que coñece moi ben porque o propio Manuel Fraga tamén o fixo con el e o ex conselleiro e agora senador Xosé Manuel Barreiro. Non conta, como tamén lle pasou en 2006 coa presentación doutros candidatos alternativos, que haxa sectores do partido que cando el xa non estea poidan ir por libre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.