Feijóo e alcaldes de Viana do Bolo, O Bolo e Culleredo reúnense para abordar proxectos nestes concellos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2021 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivo este mércores unha intensa axenda de reunións con rexedores e recibiu ao alcalde Viana do Bolo, o exsocialista Abelardo Carballo, así como aos seus homólogos na tamén localidade ourensá do Bolo, Manuel Corzo (PP), e no municipio coruñés de Culleredo, José Ramón Riobóo (PSOE).

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: DAVID CABEZÓN - XUNTA DE GALICIA.

Segundo informa a Xunta, Feijóo abordou co alcalde proxectos de interese para Viana do Bolo, entre os que se atopa a rehabilitación da praza de abastos para a que confirmou a implicación da Administración autonómica.

Respecto desta actuación, o máximo mandatario galego avalou a participación da Xunta de Galicia para que, entre outras medidas, se facilite con estas obras a accesibilidade entre os dous pisos desta instalación cun ascensor e escaleiras mecánicas.

Co alcalde do Bolo tamén avaliou proxectos de relevancia municipal, como a construción dunha nova ponte sobre o río Xares.

Sobre esta nova infraestrutura, o titular do Executivo galego precisou que a Administración autonómica prevé financiar o 50%, a Deputación de Ourense achegará o 25%, mentres que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil achegará, á súa vez, o 25% dos 460.000 euros orzados para esta ponte, que substituirá o actual paso, pechado ao tránsito desde decembro de 2019.

Feijóo confirmou así ao rexedor deste concello ourensán a participación da Xunta no cofinanciamento "sen prexuízo das reclamacións que se poidan producir ás empresas que xestionan os encoros polos danos producidos", tendo en conta que, neste encontro, o rexedor do Bolo atribuíu o derrube da ponte á apertura das comportas dos encoros na Veiga e San Fiz.

Tamén con elcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o presidente galego abordou os proxectos de interese para este municipio coruñés, entre os que está o plan de rehabilitación da antiga fábrica de Cros para instalar nunha das naves un centro de economía circular, entre outras distintas opcións de uso.

Neste sentido, Feijóo trasladou ao rexedor o desexo de que esa iniciativa de 29 millóns de euros --e que aspira a captar fondos Next Generation-- conte "cun compromiso real" tamén por parte do Goberno central.

Por outra banda e en materia de infraestruturas, o máximo mandatario galego avanzoulle a aprobación este xoves no Consello da Xunta do decreto de utilidade pública das expropiacións para o proxecto de itinerario peonil e ciclista na AC-214, ademais de melloras de seguridade viaria na AC-523.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta