Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2021 | Actualizada ás 19:09
O conselleiro do Medio Rural, José González, considera que este 2021 foi "un bo ano" en materia de incendios, xa que se cumpriu o 'obxectivo' recollido no plan de prevención e defensa da Xunta (Pladiga) de que ardesen menos de 17.000 hectáreas.
"Foi un bo ano en número de hectáreas ardidas, desde a perspectiva de que cada hectárea ardida é un drama", matizou a continuación, nunha entrevista concedida este domingo na Cadena Ser.
González lembrou que a tempada de alto risco incendiario está a piques de concluír o vindeiro xoves, 30 de setembro, pero nos "últimos anos" mesmo o mes de outubro presentou "algunha dificultade" en canto aos lumes.
Iso si, "desde hai xa uns anos" o seu departamento nota "unha tendencia clara" á baixa en canto á cifra de incendios e a media de superficie arrasada por cada lume.
"TRES DE CADA CATRO" SON PROVOCADOS
Ademais, deu o dato de que "o 95 por cento" dos lumes están relacionados coa man do home --ben intencionados, ben por neglixencias-- e que "tres de cada catro" son provocados por incendiarios. "Así o din os investigadores", xustificou.
A estas persoas, precisamente, quixo lanzarlles José González a advertencia de que a Xunta lles segue a pista "moi de preto". "O primeiro que temos que facer no curto prazo é parar ese comportamento incendiario", engadiu, á vez que fixo un chamamento á sociedade para "axudar a que se investiguen".
Ante as críticas da oposición, González recoñeceu que "hai máis cousas que facer" que perseguir a quen provocan os lumes, pero pediu tanto a BNG como PSdeG que "antes de falar doutra cousa condenen os comportamentos incendiarios".
O conselleiro dixo ser consciente de que "o abandono é o principal inimigo do rural galego" no tocante aos incendios "voraces" de sexta xeración, polo que avogou pola "xestión do territorio". Xunto a isto, tamén mencionou o cambio climático: "Probablemente está a incidir en que se nos alongue a tempada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.