Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 20:30
Continúan as mobilizacións ante o espallamento de proxectos eólicos ao largo e alto da comunidade galega. Desta vez, as últimas convocatorias de protestas veñen de xurdir da provincia de Ourense, onde a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova chama a unha Marcha en Defensa do Monte Grande para reclamar o freo dun proxecto eólico no concello de Bande.
O proxecto en cuestión, denominado P.E. Fonte Santa, implicaría levantar 12 aeroxeradores a só tres quilómetros do casco urbano de Bande. Segundo apuntan dende a plataforma, faría parte dunha liña de 38 aeroxeradores disposta entre Celanova e Bande coa sucesión dos polígonos do Vieiro, xa en funcionamento, e do Monte da Neve, en fase de tramitación.
A problemática estaría en que o proxecto do Monte Grande afectaría “severamente” á paisaxe do Xurés, situada a “apenas dez quilómetros ao sur da central e a sete quilómetros ao oeste”. Por iso, a plataforma convoca unha marcha que partirá da Praza de Bande ás 10 da mañá do sábado 23 de outubro en protesta contra a instalación dunha central eólica na Fonte Santa.
A mobilización chega como resposta á actuación de Greenalia, empresa promotora do proxecto industrial, que, segundo apuntan as mesmas fontes, nas pasadas semanas xa se entrevistou coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP), e cos comuneiros, cos que entrou nunha negociación para o alugueiro dos terreos durante 30 anos.
A andaina convocada prevé percorrer os espazos naturais e patrimoniais que se verían “máis afectados” de levarse adiante o proxecto. O obxectivo é poñerlle freo a un plan do cal a veciñanza de Bande “non tivo información ningunha” nin “posibilidade de intervir nun proceso, tal e como establecen as Directrices da Paisaxe de Galiza”. A plataforma xa anunciou que solicitará unha entrevista coa alcaldesa de Bande.
A asociación denuncia, á parte, que a central eólica “non vén cubrir as necesidades enerxéticas de Bande nin da comarca, senón que se expón como un negocio privado de Greenalia a costa dos nosos montes. E tampouco contribuirá a crear emprego nin asentaría poboación, como vende a propaganda da empresa, senón que expulsaría máis xente deste concello, como ensinan experiencias anteriores noutros”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.