Por E.P. | OURENSE | 01/10/2021 | Actualizada ás 17:56
A Xunta deseñou un plan de recuperación de camiños que prevé actuar sobre máis de 4.700 quilómetros de rede viaria en 12 concellos da comarca da Limia. A iniciativa foi presentada este venres polo conselleiro de Medio Rural, José González, que mantivo un encontro con alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia, aos que deu a coñecer que un plan que botará a andar este ano cun orzamento inicial de 600.000 euros.
O programa enmárcase no plan estratéxico do sector agrario da Limia e contempla a reparación a rede viaria da comarca que conta con 4.718 quilómetros repartidos en 12 concellos. Os camiños son empregados polos agricultores e gandeiros locais polo que a Consellería solicitou, previamente, aos rexedores dos distintos concellos a localización dos camiños ou os tramos que considerasen prioritarios porque non todos se poderán executar neste 2021.
"Os restantes serán obxecto dunha planificación posterior dentro do plan extraordinario", trasladou José González, que incidiu en que os traballos consistirán na limpeza de cunetas e da vexetación presente no camiño, na rehabilitación de obras de fábrica xa existentes e no bacheo de zonas que o necesiten.
Ademais, o titular de Medio Rural destacou a colaboración da Deputación de Ourense que cede a maquinaria pesada. "Este plan extraordinario completa o conseguido ata agora para esta comarca tras intensas negociacións co Goberno central", sinalou o conselleiro, que cifrou en 32,5 millóns de euros o investimento para "potenciar" o sector agrario.
Neste sentido, 12 millóns de euros destinaranse á limpeza das canles e camiños paralelos aos mesmos, co fin de mellorar a xestión dos subproductos gandeiros e das augas para evitar afectacións ambientais.
Outros 15,9 millóns de euros serán empregados para un proxecto de mellora de eficiencia e de sustentabilidade dos regadíos no marco do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia, promovido polo Executivo do Estado coa axuda dos fondos Next Generation.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación achegará un 80% do custo (12,7 millóns de euros) e a Comunidade de Regadoras achegará o 20% restante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.