Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2021 | Actualizada ás 20:30
Nos últimos meses as esferas galegas das redes sociais --particularmente Twitter-- veñen de se encher de iniciativas a prol dunha nova 'galeguización' dos principais contidos televisivos e audiovisuais. Primeiro foi o Xabarín, que chegou ao Parlamento Galego con éxito. Agora, o foco está posto nunha plataforma que demanda contar con máis contidos de Netflix subtitulados ou dobrados ao galego.
Esta iniciativa, da que xa informou Galicia Confidencial, vén de dar un paso máis no tocante á serie que estas semanas está en todas as bocas, a chamada El juego del calamar, en castelán. A produción de tintes distópicos está a arrasar en todo o mundo, e dende hai un par de xornadas xa se pode ver subtitulado ao galego. Cando menos o primeiro capítulo, despois de que un usuario anónimo de Twitter pasara o traballo de subtitulalo.O usuario ofrece o primeiro acto desta serie producida por Netflix no seu propio perfil, no que inclúe subtítulos tanto para a variedade RAG do galego como en reintegrado. O xesto xa foi agradecido por outros internautas do galitwitter e, a día de hoxe, acumula 70 rechouchíos. O usuario non aclara se seguirá dobrando os capítulos aloxados en Netflix pero, polo momento, a recepción foi moi boa.
O JOGO DA LURA EM GALEGO, EPISÓDIO 1
— 🕯 um alguém arrepiante 🕯 (@vestealva) October 3, 2021
Galego reintegracionista: https://t.co/7QL33CVrCB
Galego RAG: https://t.co/K6hJKTCPR7
HBO EN GALEGO
Nas últimas xornadas, a demanda de contidos en galego nas principais plataformas de streaming vén de chegar tamén á compañía HBO. O espazo tuiteiro da Comunidade vén de presenciar a creación dunha nova iniciativa para achegar os contidos desta empresa á lingua do país, incidindo tamén na dobraxe e os subtítulos dalgunhas das series de actualidade que máis soan.
Quen pode dicir que ver as series actuais na nosa lingua non molaría. Mirade que chulada fixo @CaosCromatic0 con Steven Universe 😍
— HBO en galego (@hboengalego) October 5, 2021
⚡️ #hboengalego pic.twitter.com/WSQkqJtyNI
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.