O PSdeG atribúe a "unha cuestión de ego" a ruptura do pacto de Goberno en Teo

Gonzalo Caballero apoia á voceira socialista no municipio, que ve "un ataque á estabilidade" no xesto do rexedor independente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O Partido Socialista atribúe a unha "cuestión de ego" do alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a unha "estratexia  cortoplacista" de índole electoral a ruptura do goberno no municipio da comarca de Santiago, anunciado polo rexedor o pasado luns e que pon fin a dous anos de executivo de coalición entre Son de Teo e PSdeG-PSOE.

Gonzalo Caballero e Uxía Lemus
Gonzalo Caballero e Uxía Lemus | Fonte: EP

O secretario  xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, arroupou este martes á portavoz do PSOE no municipio teense, Uxía Lemus, que acusou a Rafael Sisto de romper o goberno porque os seus socios estaban a "facerlle moita sombra". "Estabamos a facelo moi ben. Tiñamos moitas cousas para facer e el (Sisto) decidiu cortar de raíz baixo escusas baratas e débiles", sinalou  Lemus, unha das catro edís do Grupo Socialista ás que Sisto retirou as competencias aducindo razóns de falta de confianza.

Lemus, que considera a decisión "un ataque á estabilidade" do concello --Son de Teo queda agora á fronte do goberno en solitario con catro edís nunha corporación de 17--, cargou contra o rexedor, ao que acusa de acabar cun "goberno de esquerda forte" para "sacar réditos" da xestión do á socialista do executivo local.

"Agora temos un goberno de catro (edís) nun concello tan grande e con tanto financiamento europeo, que conseguimos a parte socialista", incidiu a edil, que cualificou de "espectáculo horroroso" a forma de proceder de Sisto durante a xornada na que se produciu a ruptura do goberno. Tanto  Lemus como Caballero mostráronse  confiandos en que o "bo traballo" levado a cabo polo grupo socialista teña os seus froitos nas eleccións municipais do ano 2023.

Así o subliñou o secretario  xeral do PSdeG, que augurou que "cando falen as urnas", a "maioría" dos veciños de Teo "recoñecerán" o "gran traballo" dos socialistas durante estes dous últimos anos no municipio da comarca santiaguesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta