Falece no seu despacho da Xunta o conselleiro de Facenda

Valeriano Martínez morreu dunha parada cardiorrespiratoria, segundo apuntan desde o Goberno galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/10/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez, faleceu a última hora da mañá no seu despacho de San Caetano tras unha parada cardiorrespiratoria.

Valeriano Martínez
Valeriano Martínez | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo.

A pesar de que ao complexo administrativo de San Caetano chegou unha ambulancia sobre as 13.30, xa nada se puido facer por salvar a súa vida. Desde o Goberno galego din estar "tremendamente consternados" por esta nova. 

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, dirixíase cara ao acto de Conxemar, en Vigo, cando foi informado da morte do conselleiro e cancelou a súa participación no evento.

Natural de Aldán, en Cangas --aínda que residía en Bueu--, Martínez naceu en 1961. Era licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración.

Desde 1985, era funcionario do corpo superior de administración xeral do departamento autonómico de Facenda e exerceu diversos cargos públicos, ata que en febreiro de 2015 foi 'fichado' por Feijóo para substituír a Elena Muñoz á fronte da Consellería, cando esta deixou o cargo para pugnar, como candidata, pola Alcaldía de Vigo.

A AXENDA DA XUNTA, SUSPENDIDA

A axenda de todos os integrantes da Xunta para este xoves foi anulada debido ao falecemento de Valeriano Martínez. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suspendeu a súa presenza, prevista para as 14,00 horas, na XXII Feira internacional de produtos do mar e conxelados (Conxemar) en Vigo. Ademais, tiña previsto participar ás 16,00 horas en Santiago de Compostela na inauguración dun congreso internacional de recursos humanos, á que tampouco acudirá.

Na axenda dos conselleiros, máis aló de diversos actos de delegados territoriais e directores xerais previstos para esta tarde, tamén quedou anulada a presenza do titular de Cultura no acto do Día das Artes Galegas 2020-2021, dedicado a Domingo de Andrade organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes. Tamén estaba en axenda a participación por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios.

SERVIDOR PÚBLICO

"Un bo tipo". Así definen os seus colaboradores a Valeriano Martínez García, que desde 1985 traballou para a Administración, sempre á beira do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen o elixiu como conselleiro de Facenda en febreiro de 2015.

Os seus compañeiros destacan a alma de "servidor público" de quen este mércores faleceu, de feito, en acto de servizo, mentres traballaba no seu despacho da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano en Santiago, coa elaboración dos orzamentos galegos para 2022 sobre a mesa.

Antes de estar á fronte de Facenda, Valeriano Martínez exerceu como secretario xeral da Presidencia da Xunta e previamente, entre outras responsabilidades, foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galicia.

A súa relación con Feijóo remóntase aos primeiros pasos na Administración autonómica. No primeiro Goberno de Manuel Fraga coincidiron na Consellería de Sanidade, ocupando unha subdirección xeral Valeriano Martínez cando era titular do departamento José Manuel Romay Beccaría e secretario xeral o actual xefe do Executivo galego.

O conselleiro "menos político" do actual equipo de Núñez Feijóo, como hai quen tamén o ve, estaba casado e tiña un fillo, e presumía da súa orixe na ría de Aldán.

Home serio pero 'retranqueiro', era habitual que nas súas comparecencias públicas e nas súas intervencións no Parlamento de Galicia chancease co seu ton monocorde ou coa aridez dos temas de que se ocupaba.

Este mércores, coa noticia do seu falecemento, a clase política traslada as súas condolencias entre recordos á súa "valía e humanidade", así como o seu "humor socarrón", en palabras de quen foi o seu compañeiro na facultade e actual senador do PSOE galego, Xoaquín Fernández Leiceaga.

FUNCIONARIOS E ORZAMENTOS

Xunto á elaboración das contas do Goberno autonómico, con cuxo borrador traballaba estes días, unha das principais dedicacións de Martínez á fronte da Consellería de Facenda era a Función Pública, desde oposicións e soldos, ata a carreira profesional dos empregados públicos, o que lle xerou máis dunha polémica e numerosas negociacións cos sindicatos.

En canto ao proxecto de orzamentos, está previsto que o seu departamento o presente despois do debate do estado da autonomía da semana que vén, e incorporará iniciativas pendentes en relación con, entre outros, os fondos europeos para a reconstrución.

Precisamente este martes, o Executivo central anunciou unha suba do 2 por cento do soldo dos funcionarios, incremento que deberá encaixar nas súas contas a administración autonómica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta