Por GC Tendencias | Pontevedra | 17/02/2014 | Actualizada ás 19:23
A empresa ourensá Bodegas Gallegas pon en marcha un ambicioso proxecto publicitario no que participarán distintos sectores industriais e comerciais de Galicia como o da moda, a música, a perruquería e o viño.
Coa intención de valorizar e refrescar a cultura festiva popular galega, o grupo de bodegas, con sede en Santa Cruz de Arrabaldo, rescata algúns dos temas máis populares do cancioneiro para renovalos con divertidas versións e promocionar así os seus viños Gran Alanís, Miudiño e Rectoral de Amandi.
A ritmo de jazz, rock e cumbia
Deste xeito o grupo musical vigués, Weli Kings, fará que o lagarto da saia da Carolina mova o rabo ao ritmo de funky jazz con notas de bebop, que Carmiña Carmela baile un rock western e que o sancristán de Coimbra faga dez mil diabluras acompañado de sons latinos como a cumbia.
Tres temas máis, O Andar Miudiño, Catro Vellos Mariñeiros e A Rianxeira se unirán aos temas da Carolina, Ven bailar Carmiña e O Sancristán de Coimbra para a edición dun cd que formará parte desta simpática campaña.
Vestidos made in Galicia
Como non podía ser doutro xeito, os nosos populares protagonistas acudirán á cita
vestidos para a ocasión.
Facendo uso do leit motiv da súa empresa “a vida é demasiado curta para vestir triste”, Antonio Barros, de Siempreesviernes, vestirá ás protagonistas femininas, Carolina, Carmiña e a filla do Coronel. Mentres que a marca galega Massimo Dutti encargarase do estilismo dos protagonistas masculinos.
Peinados para a ocasión
A firma galega Icon, pioneira no desenvolvemento tecnolóxico de produtos de perruquería, aportará a súa experiencia e creatividade peiteando ás actrices e actores destos “Clásicos Galegos” e coidando as súas cabeleiras cos seus máis novidosos tratamentos capilares.
Pero a campaña “Clásicos Galegos” non remata aquí porque ao longo do ano iranse producindo distintos eventos relacionados cos sectores implicados que se desenvolverán
por toda a xeografía galega.
Localización
Os spots dos viños Gran Alanís (Ribeiro), Miudiño (Albariño) e Rectoral de Amandi (Ribeira Sacra) gravaranse os días 18, 19 e 20 de febreiro no salón do Liceo Casino. Deste xeito, Pontevedra volve converterse nun plató da man da Film Commission creada no ano pasado pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo.
Myriam e Manuel Vázquez, xerentes do grupo Bodegas Gallegas, valoran moi positivamente esta iniciativa da axencia Elemental Chefs, capaz de actualizar modas e agrupar a tantos sectores do tecido industrial galego para a promoción dos seus viños albariño, mencía e ribeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.