Inspección inicia un expediente sancionador ao Concello da Coruña por non ter plan de igualdade

O consistorio afirma que a pandemia pospuxo a súa elaboración e que se traballa xa nun.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 13/10/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

Inspección de Traballo iniciou un expediente sancionador pola comisión dunha infracción laboral grave ao Concello da Coruña pola ausencia dun plan de igualdade, segundo informa a CIG.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey | Fonte: ANDY PEREZ - Concello da Coruña.

Este sindicato puxo en coñecemento da Inspección a ausencia do citado plan de igualdade entre homes e mulleres, "así como a falta de accións orientadas á consecución das medidas definidas polo plan anterior". Fíxoo, sinala, ao non apreciar "ningunha vontade por parte do goberno local de iniciar medidas de negociación e elaboración dun novo plan de igualdade".

Agora, tras informar da medida adoptada pola Inspección de Traballo, instan á alcaldesa, Inés Rei, a mostrar "non xa unha conciencia feminista, tal e como promulgou no seu discurso de investidura, senón un compromiso claro e firme no cumprimento da legalidade vixente en materia de igualdade e en materia laboral".

RESPOSTA DO CONCELLO

Pola súa banda, desde o goberno local precisaron que a Xunta de Persoal deu traslado o pasado 28 de setembro do seu interese en pór en marcha un novo plan de igualdade que substitúa o anterior, en vigor entre 2017 e 2019.

Así mesmo, afirma que respondeu a devandita petición o pasado día 8 "mostrando a súa máxima disposición a acordar e implantar un novo plan que teña vixencia ata o final do mandato".

Ademais, sostén que se trasladou que as circunstancias derivadas da pandemia "obrigaron a pospor a elaboración dun documeno no que se está traballando" e reitera a súa disposición a manter "os encontros que sexan necesarios para contar cun novo plan canto antes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta