Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 12:01
O Grupo Parlamentario Popular recolleu, entre as súas propostas de resolución, o principal anuncio que deixou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o estado da autonomía, a intención de facer gratuítas as gardarías para todos os nenos de 0 a 3 anos a partir do curso que vén.
No entanto, tal e como tamén expresou no debate Feijóo, os populares queren que o Goberno central contribúa a cofinanciar esta medida, que en Galicia se implantou para segundos fillos e sucesivos en 2020.
Na súa iniciativa número 29 de 40 --o máximo por grupo que se poden presentar--, o PPdeG insta a que a Xunta "siga avanzando nas medidas de conciliación e apoio ás familias", no marco da Lei de impulso demográfico --aprobada este ano-- e que reclame ao Goberno central que "contribúa ao financiamento da gratuidade total da educación infantil de 0 a 3 anos, que se porán en marcha a partir do próximo curso".
Preguntado en rolda de prensa se corre perigo a posta en marcha da iniciativa no caso de que o Executivo central non participe economicamente, o viceportavoz parlamentario do PPdeG e secretario xeral do partido, Miguel Tellado, garantiu o cumprimento deste "compromiso". A medida beneficiará a uns 20.000 nenos de Galicia, dos cales 10.000 serán primoxénitos, segundo precisaron fontes da Xunta a Europa Press.
PSdeG: PACTOS EN INDUSTRIA
Alcanzar un pacto pola industria, acordar os principais proxectos para os fondos europeos Next Generation e reforzar a atención primaria figuran entre as 40 propostas de resolución presentadas polo Partido Socialista de Galicia no Debate sobre o Estado da Autonomía.
As 40 medidas que os socialistas galegos propoñen de cara a esta cita política foron debulladas este xoves en rolda de prensa polo viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena.
A pesar de que na primeira sesión do debate o secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu propor aos grupos abordar a reforma do Estatuto e abriuse a chegar a acordos co Partido Popular en materia de financiamento autonómico, ningún destes asuntos figuran nas 40 propostas do PSdeG.
En materia de autogoberno, o PSdeG volve reclamar que se avance na asunción de novas competencias por parte da Xunta, tomando como referencia o informe realizado polo Goberno galego para a Comisión Mixta de Transferencias de novembro de 2005. "Propomos avanzar en autogoberno con cousas que se poida facer, non con fantasías", sostivo Arangüena.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.