Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2021 | Actualizada ás 10:00
Dende os inicios da sensibilización pública sobre a crise climática, veñen xurdindo voces críticas que din non apreciar ese cambio de temperaturas e precipitación subliñado polos científicos dende finais do século XX. O propio Donald Trump puxo en dúbida --xa no Despacho Oval-- o quencemento global porque "facía frío fóra" nunha mañá de 2019.
Porén, as advertencias que pouco a pouco deixa a crise climática contan tamén con puntos de inflexión que serven para advertir ata que punto se trata dunha problemática real e con risco para o modelo económico e social actualmente imperante. Unha das máis coñecidas e tratadas polos expertos do eido é a marca de precipitacións dos 1.000 litros por metro cadrado en 24 horas, unha circunstancia excepcional e que ata o momento non foi rexistrada oficialmente pero que podería achegarse por mor dos cambios no clima.
"En España existen varios antecedentes de riadas catastróficas", explican dende Meteored. A plataforma recorda diversos casos de precipitacións inusuais que mesmo chegaron a borrar pequenos núcleos de poboación do mapa. Agora, as precipitacións de 890 litros por metro cadrado nun só día en Xénova abren de novo a porta a que se conquiste a triste marca dos 1.000 litros.
Un os casos máis próximos no Estado español data de hai case 40 anos. "É coñecido por todos o evento de choivas torrenciais do 19 ao 21 de outubro de 1982 na vertente mediterránea, unha catástrofe que cambiou a historia da previsión e alerta meteorolóxica. Como consecuencia da rotura da presa valenciana de Tous, a crecida no Júcar alcanzou unha punta de 16.000 m3/ s e provocou inundacións nas que máis de 30 persoas perderon a vida e os danos materiais foron incalculables", destacan dende a plataforma.
Porén, o récord oficial de España en 24 horas sitúase nunha marca de 817 l/m² que se produciu o 3 de novembro de 1987. En Europa, hai varios casos no que os rexistros pluviométricos achegáronse aos 1000 l/ m2, como é o caso de Rosellón, na Provenza, na contorna do Golfo de Xénova, e en Córsega. "Agora, debido a unha maior densidade da redes meteorolóxicas e a un aumento dos fenómenos adversos co cambio climático, poida que pronto se rexistren os primeiros 1000 l/m² en 24 horas en Europa, xa si de forma oficial", destacan dende a plataforma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.