Ence e a fraude de lei

O Dereito quítalle todo efecto aos actos feitos a medio de fraude de lei, é dicir, que usen dunha norma aparente de cobertura para acadar un resultado prohibido polo Dereito.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 24/10/2021

Comparte esta noticia
 Por outra banda, o Dereito Administrativo coida nulos de pleno Dereito os actos administrativos que incorran en desviación de poder, é dicir, que unha Administración Pública empregue as súas facultades para finalidades distintas das previstas pola lei que llelas outorga.
 
A lexislación de portos prevé a posibilidade de ampliar o dominio público portuario (é dicir os terreos públicos a carón do mar destinados ás fins propias da actividade portuaria) a terreos de costa que poidan server para os usos complementarios do porto, malia que non teñan continuidade cos previamente afectados. Máis aínda, poderán engadírselle ao dominio público portuario os terreos dedicados ás actividades industriais ou comerciais conectadas de xeito relevante coa actividade cotián do propio porto.
 
Neste senso, a posibilidade teórica reflectida no moi recente informe do Consello Consultivo de  Galicia a respecto da adscrición ao Porto de Marín dos terreos de dominio público marítimo-terrestre que ocupa arestora ENCE, sob a apariencia de cumprimento dos requisitos formais da  Lei de Portos, incorre nunha clara fraude de lei, ao tentar resolver a caducidade declarada xudicialmente a respecto dos terreos que ocupa ENCE na Ría de Pontevedra, a medio dunha ampliación do dominio público portuario, que a Autoridade Portuaria de Marín até de agora nin requiriu de xeito formal nin anunciou fose precisa para o cumprimento das súas finalidades portuarias. 
 
Unha eventual adscrición dos terreos de ENCE ao dominio público portuario de Marín sería, pois, nula por fraude de lei. Mais tamén por desviación de poder, pois que a Xunta aproveita o control que ten a respecto do libre nomeamento e cesamento do Presidente e máis da metade do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e demáis portos de interese xeral de Galicia para suxerir un camiño ilegal, usando da facultade da Autoridade Portuaria para lle propor ao Ministerio de Fomento a ampliación dos seus terreos de uso portuario para lle resolver o problema a ENCE . Para lle resolver o problema ao amigo.
 
Velaí  a grave cuestión , xa non só ambiental, senón institucional e de convivencia democrática. Que o Goberno Feijóo, que defendeu até 2012 o translado de ENCE fóra da Ría de Pontevedra, estea disposto mesmo á  fraude de lei e á desviación de poder para beneficiar os seus concretos intereses.

Fábrica de Ence en Pontevedra
Fábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: Santos-Diez - Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.