Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2021 | Actualizada ás 14:00
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns o decreto polo que se aproba a primeira revisión do plan forestal, que prevé unha redución do 5% das masas de eucalipto en 2040. En febreiro deste ano, o PPdeG quedou só no Parlamento na aprobación da revisión deste plan forestal, despois de non aceptar ningunha das propostas de resolución presentadas pola oposición, que demandaba a retirada do texto para refacelo de novo.
A finais de setembro, o Goberno galego deu luz verde a este novo plan forestal 2021-2040, que agora entra en vigor e que contará cun investimento de 4.900 millóns de euros.
O plan forestal de 1992, que agora se revisa, prevía que en 2030 habería en Galicia unhas 245.000 hectáreas de eucaliptos. Unha cifra moi excedida xa na actualidade --eran máis de 420.000 hectáreas no inventario de 2018--. Previa a esta aprobación, este ano entrou en vigor a lei de recuperación de terra que inclúe a suspensión de novas plantacións de eucalipto ata 2025.
AUMENTO DE FRONDOSAS
O 97% da superficie forestal galega é de carácter privado, con 1,4 millóns de hectáreas pertencentes a particulares e máis de 660.000 hectáreas de comunidades de montes veciñais. Hai máis de 450.000 propietarios particulares e 3.072 comunidades de montes.
O plan forestal ata 2040 ten seis eixos que contan con 51 medidas. Prevé un investimento de 4.900 millóns de euros ata o ano 2040 --uns 4.000 millóns deles son públicos--. Así, fíxase como obxectivo alcanzar as 425.000 hectáreas ocupadas por frondosas autóctonas.
O plan da Xunta é eliminar en 2040 o 5% das máis de 420.000 hectáreas de eucaliptos actuais, de forma que 20.000 delas pasen a ser masas doutras árbores. Entre outras metas, márcase que 850.000 hectáreas estean baixo instrumentos de ordenación e xestión, cunhas 650.000 hectáreas que contarán con certificación forestal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.