O partido do ex-socialista Pachi Vázquez acusa o PSOE do Carballiño de "malgastar" 90 millóns e pedirá unha auditoría

A formación fundada polo ex secretario xeral do PSdeG presentará unha moción no próximo pleno.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/10/2021 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

Espazo Común, o partido fundado polo ex secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, anunciou que presentará unha moción no próximo pleno do Carballiño para solicitar que o concello encargue unha auditoría externa co fin de dirimir as contas municipais.

Pachi Vázquez, fundador de Espazo Común, no centro
Pachi Vázquez, fundador de Espazo Común, no centro | Fonte: Europa Press.

Pachi Vázquez denunciou que nos últimos sete anos "malgastáronse 90 millóns de euros" do diñeiro público por parte do goberno local do seu antigo partido, o Partido Socialista.

Vázquez trasladou a súa "fonda preocupación" pola situación municipal e criticou que "non se sabe en que se malgastou", pero "o que se sabe é que non hai nin unha obra de infraestrutura necesaria". "Nin centro de saúde, nin parque empresarial", apostilou Vázquez asegurando que "non viron nin un só euro".

Neste mesmo sentido, acusou o goberno municipal de "estar a maquillar" as contas e apuntou directamente ao rexedor, Francisco Fumega, para pedirlle que explique "onde está o diñeiro" reiterando que non houbo investimento en proxectos necesarios para a localidade.

"Quedan 17 meses, nin tempo nin diñeiro para as grandes obras", sentenciou Pachi Vázquez, quen afirmou que no seu mandato como alcalde (entre 1995 e 2005) si realizou infraestruturas. "Se saes á rúa sabes o que fixemos", apelou.

"O que non son contas, son contos; esta é unha cruzada para os próximos meses", advertiu Pachi Vázquez, quen anunciou que a súa formación levará ao próximo pleno unha moción para, co apoio do resto de grupos da oposición --espera--, reclamar unha auditoría municipal sobre o gasto realizado durante o mandato "que axude a saber onde están os millóns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta