Por X.M. Fernández | Verín | 27/10/2021 | Actualizada ás 09:30
O Concello de Verín acollerá o vindeiro domingo 31 de outubro, ás 12:00 horas na Praza García Babón, o encontro de destacados gaiteiros da península ibérica a través do acontecemento “Piperegrinos”, un encontro de destacados gaiteiros de España e Portugal que están a actuar en varias vilas galegas entre os días 23 e 31 de outubro.
Promovido pola Xunta de Galicia no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022, trátase dun espectáculo musical itinerante que por primeira vez reúne no mesmo escenario a destacados gaiteiros da Península Ibérica cunha longa e recoñecida traxectoria artística profesional.
“Piperegrinos, as gaitas do Camiño” resalta a importancia da gaita como instrumento representativo das culturas europeas ao tempo que invita aos espectadores a unha viaxe sonora a través das diferentes gaitas ibéricas, coas que representar o importante intercambio cultural que se produciu nos distintos camiños de peregrinación a Santiago.
Esta orixinal posta en escena pon a Galicia como punto de referencia do encontro e convivencia das gaitas ibéricas, que potencia a presenza de gaiteiros galegos e foráneos na escena musical do noso país e propicia sinerxías e alianzas para futuras colaboracións artísticas.
ARTISTAS PARTICIPANTES
O programa Piperegrinos incluirá a participación de 6 intérpretes de gaita que actuarán en formacións trío e dúo, coa participación de 17 músicos.
Os gaiteiros que intervirán neste acontecemento son: Francesc Sans, co instrumento sac de gemecs, de Catauña, acompañado de Manel Martorell, mandola, e Titus Prats, percusión; Adrián Gil, coa gaita de boto, dese Aragón, acompañado de Alberto Navas, violín, e Serchio Pardos, guitarra, percusión; José Manuel Tejedor, coa gaita asturiana, desde Asturias, acompañdo de Richard García, teclado, e Daniel Álvarez, bouzouki, bodhran; Luis Antonio Pedraza, con gaita sanabresa, desde Castela e León, acompañado de Carlos Beceiro, guitarra, e Miguel Mateos, tambor sanabrés; Tiago Morais, intérprete da gaita mirandesa e gaita de sesimbra, desde Portugal, acompañado de Tiago Marques, acordeón e cavaquinho; e Oscar Ibáñez, gaita galega, de Galicia, acompañado por Xosé Li,- bouzouki- e Andrés Vilán – caixón-.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.