Crean un mapa coas zonas galegas de maior risco de Covid

Este estudo permite, daquela, analizar posibles escenarios antes da aparición dunha vaga e determinar os puntos onde hai que reforzar o sistema sanitario.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A análise da distribución xeográfica da incidencia acumulada de casos de COVID-19 é o punto de partida que empregou persoal investigador da USC para desenvolver unha fórmula que asigna un factor de risco a cada un dos municipios galegos. Os resultados desta investigación foron publicados este xoves na revista Scientific reports, e poderían ser usados no deseño de políticas de prevención acaídas para conter a expansión do virus.

Micrografía electrónica de transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2, illada dun paciente e con realce da cor, do Instituto estadounidense de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID), en Hamilton
Micrografía electrónica de transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2, illada dun paciente e con realce da cor, do Instituto estadounidense de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID), en Hamilton | Fonte: Montana (Estados Unidos de América). NIAID - Arquivo

Os investigadores do grupo de Investigación Análise Territorial do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC, Ángel Miramontes e José Balsa Barreiro, xunto cos científicos do grupo de Fisca non Lineal Alberto P. Muñuzuri, Alejandro Carballosa e David García Selfa, combinaron as súas respectivas metodoloxías de traballo no artigo que leva por título ‘Risk evaluation at municipality level of a COVID-19 outbreak incorporating relevant geographic data: the study case of Galicia’. Neste estudo, os autores incorporan información estrutural xeográfica relevante nun modelo matemático que permite calcular os niveis de risco de cada localidade considerada. Deste xeito, previamente á aparición dunha vaga epidemiolóxica, é posible determinar que localidades son máis vulnerables dende un punto de vista estrutural.

Este estudo analiza posibles escenarios con diferentes medidas de confinamento que permitan evitar gromos epidémicos en localidades con alto risco”, explican os autores do artigo. Igualmente, determina os puntos onde hai que reforzar o sistema sanitario, posto que é onde máis risco de gromos hai. O estudo presentado localízase no caso galego e céntrase nas dúas primeiras vagas da pandemia, “pero os resultados son facilmente extrapolables a outras contornas”, sinalan.

EIXO ATLÁNTICO

 

O traballo aborda os datos facilitados polo Servizo Galego de Saúde dende o inicio da pandemia ata o 30 de xuño de 2020. En total, a base de datos conta con 10.853 casos coas súas correspondentes localizacións. “O punto xeográfico no que se orixina cada caso permite avaliar a distribución da enfermidade e comprender a súa dinámica espacial”, explican os investigadores.

 

O equipo de científicos constata que a propagación xeográfica do virus foi máis significativa no sector occidental urbano do Eixo Atlántico, especialmente nas zonas próximas ás principais cidades. “Observamos como as áreas periurbanas que rodean as principais cidades adquiren maior protagonismo. Isto explícase porque nestas zonas é onde reside a maior parte da xente (zonas residenciais), pero tamén onde se concentran maioritariamente as actividades industriais. Polo tanto, estes espazos presentan un maior dinamismo baseado nun maior número de interaccións”, engaden.

 

Son as localidades do interior de Lugo e Ourense as que presentan un risco menor. Neste senso, os investigadores matizan que cando falan de risco non o fan como se fose unha certeza absoluta, xa que, en plena pandemia, “pode ocorrer que un núcleo con baixo risco experimente un gromo antes que outra localidade con alto risco”. Isto débese a factores incontrolables —por exemplo, a visita dunha familia contaxiada— que non son previsibles nin se poden incorporar nos modelos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta