Miguel Ángel Vázquez Taín: "non son partidario de cheques en branco para manter a viabilidade de empresas"

Miguel Ángel Vázquez Taín é o presidente do Consello de Galego de Colexios de Economistas. Participa no I Foro Económico de Viveiro, na comarca da Mariña afectada actualmente pola situación industrial de Alcoa e Vestas. A proposta de Vázquez Taín é o aproveitamento do recursos propios de cara a crear, por exemplo, enerxía a prezos asequibles para a industria ademais de contemplar cambios na formación para dar resposta ao mercado laboral.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Participa no I Foro Económico de Viveiro. Este tipo de iniciativas municipais e comarcais como poden axudar a fomentar o desenvolvemento económico en áreas concretas?
Isto é un exemplo para ámbitos como é a Comarca da Mariña porque é unha mostra de como poden colaborar diferentes administracións de ámbito local conxuntamente co tecido empresarial da zona. Neste tipo de foros pode poñerse sobre a mesa a situación económica da comarca, ás veces pode ser complicada, e tamén as posibles solucións. Desde aí poderíase artellar mecanismos que materialicen investimentos. Para min é unha iniciativa que espero que teña continuidade no tempo e vaia máis aló e se materialice en accións concretas de promoción para coñecer tanto as potencialidades como as necesidades dese ámbito xeográfico. Tamén en que medida esas posibilidades, ben ligadas a recursos naturais ou potenciais endóxenos, poden traer investimento externo. Á parte, facilitar esa colaboración entre administración e empresas pode facilitar tamén que o tecido empresarial e industrial da zona se poda expandir. Por iso creo que é unha boa iniciativa.

Miguel Ángel Vázquez Taín, economista.
Miguel Ángel Vázquez Taín, economista.

-Parece que é unha maneira de dicir que as administracións locais e tamén comarcais, son capaces de decidir sobre algúns temas sen esperar a aprobación de entidades superiores.
Si, mais sendo cada administración local consciente das súas capacidades. Ás veces no ámbito municipal nace a tentación de “só para o meu concello”. Mais se iso cae tamén no concello veciño algún máis lonxe, iso beneficia a un conxunto. A colaboración é unha vía para ter éxito. Cada unha das partes dun entorno xeográfico cunhas potencialidades e vantaxes é mellor explotalas en conxunto.

Facilitar a colaboración entre administración e empresas pode facilitar tamén que o tecido empresarial e industrial da zona se poda expandir

-Agora mesmo a comarca da Mariña está vivindo unha serie de golpes como son Alcoa e Vestas. Como se pode cualificar estes movementos empresariais, deslocalización, procura de novas vías de negocio ou buscar novas posibilidades de que a administración pública introduza diñeiro público?
Cada unha das cuestións mencionadas teñen unha orixe distinta. Falamos de empresas de ámbito internacional e isto ás veces non ten en conta singularidades locais. O de Alcoa en grande medida pode estar ligado á realidade enerxética deste país que ao mellor non se planificou axeitadamente a transición enerxética. Iso si pode ser aproveitado polas empresas para deslocalizarse, pechar centros que consideran que non son rendibles. Si creo que as administracións deberan empurrar, mais non son partidario de introducir cheques en branco para manter a rendibilidade e viabilidade dun negocio. No caso de Alcoa creo que se debera articular un mecanismo de subministración eléctrica que permitan, en caso de que Alcoa non siga, pois que outros investidores vexan atractivo introducir o seu diñeiro nesta planta. Esa empresa non se debe perder, porque alí hai capacidade, hai recursos eólicos para seren vinculados aos acordos de venda de enerxía para subministrar a Alcoa. No caso de Vestas ten que haber un plan de negocio rendible mais semella que a empresa non quere darlle oportunidade a posibles investidores. Pode existir a posibilidade de compradores que tomen o relevo ou compradores cunha nova idea de negocio. Por outra parte tamén se deben buscar novas vías ligadas a todas as potencialidades, as ligadas ao mar, ao forestal ou eólico. Poñer todos os ovos na mesma cesta pode traer a perda desa cesta. Para as familias e traballadores estamos nun momento complicado, mais as administracións deben poñer as luces longas para mater esas empresas buscando novos investimentos.

-Toda esta coxuntura extrapolada a Galicia parecera mostrar unha transición enerxética feita á presa e sen moita planificación.
Esta transición enerxética tanto a nivel europeo como a nivel español igual si se fixo de maneira precipitada e sen a planificación suficiente. Ademais agora tamén se xunta coa suba dos prezos da enerxía e onde se engaden compoñentes como a mesma reactivación económica que demanda moita enerxía, isto trouxo un estado de “shock” que xa é case mundial, co incremento de prezos da electricidade e do gas e unha planificación precipitada crearon unha “tormenta perfecta”. A consecuencia é poñer en risco a viabilidade das empresas electrointensivas, máis alá de que nesta situación de desaxuste internacional increméntanse os prezos e producir aluminio resulta rendible. Todo isto debera terse planificado de maneira distinta.

No caso de Alcoa creo que se debera articular un mecanismo de subministración eléctrica que permitan que outros investidores vexan atractivo introducir o seu diñeiro nesta planta

-Nun mundo globalizado até que punto pode xogar a favor a resiliencia económica dun país?
Estamos nunha realidade económica moi distinta. Hai procesos transitorios como EREs, ERTES que poden aumentar a resiliencia de determinadas empresas. Tampouco creo que debamos atrincheirarnos detrás do que xa temos. Debemos comezar a distinguir aquilo que é viable mais tamén explorar novas alternativas pois ao final importa o conxunto da economía, tendo en conta tamén que para determinadas empresas e sectores a maneira de velo é diferente. Dentro desta nova realidade económica, Galicia ten potencialidades grazas ás novas tendencias da economía pasan pola sustentabilidade, pola economía circular, medioambiente e enerxías renovables. Aí Galicia ten potencial que debe ser analizado para crear novas cadeas de valor e estender as xa existentes para que boa parte dese valor permaneza aquí. Ese é o terreo onde debemos traballar ademais de defender o que xa é rendible.

-O modelo de transición enerxética en Galicia mostra signos de planificación medida ou é un modelo que non segue unha estrutura acaída co territorio e a súa economía?
Temos unha serie de elementos como é o sector eólico, tanto en terra como as novas oportunidades que se abren no eólico mariño, creo que deben ser aproveitados. Outra cousa é a lexislación, como aplicala porque ao final hai un impacto ambiental. Debemos buscar un punto de equilibrio para aproveitar eses recursos naturais minimizando o impacto ambiental e no ámbito rural, que tamén debemos potenciar. Non obstante, debemos facer o posible para que esa produción eólica ou limpa reinvirta no entorno onde se instala, por tanto, insistir nun retorno económico cara os lugares onde se implanten. No caso da Mariña deberían aproveitarse os recursos a prezos razonables para facer viables as empresas. Iso é o importante e o que se debera explicar á xente.

Debemos comezar a explorar novas alternativas pois ao final importa o conxunto da economía

-Hoxe en día, toda unha xeración de persoas moi ben formadas están abandonando Galicia. Como repercutirá isto polo menos a medio prazo?
Aquí vexo dous puntos diferentes. Por unha parte, si é unha mágoa a formación de capital humano que logo non teña capacidade para desenvolverse en Galicia. Hai opcións persoais porque cada un ten a súa visión propia para desenvolver o seu futuro. Non obstante, observo un desaxuste en Galicia entre o que formamos e as demandas empresariais. Comeza a haber sectores sen man de obra que dea resposta ás necesidades. Realmente vexo a necesidade de repensar o modelo, case hai que visualizar as demandas da sociedade de cara aos vindeiros anos, para ver como podemos formar eses mozos e mozas para o futuro mercado laboral a curto e medio prazo. Por iso digo, hai sectores actualmente que non conseguen atraer persoal agás que incrementen a oferta salarial ou traian man externa, cousa que repercute na súa competitividade. Solucionar ese desaxuste podería frear esa eiva de fuga de capital humano.

-E as novas tecnoloxías como poderían frear o éxodo de persoal cualificado?
Un dos fundamentos da nova economía é a dixitalización. Ese camiño debe percorrelo calquera actividade económica. No caso galego as novas tecnoloxías cobran máis importancia nas PEMES e autónomos. As novas tecnoloxías poden solucionar as cuestións relativas ao tamaño. Se os teus procesos están automatizados e dixitalizados, podes ter solventados parte dos problemas que teña a empresa. Nese terreo é onde as administracións deben crear programas transversais para a dixitalización da actividade empresarial e económica.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Falar fala de carallo ! O modelo "Conde de Fenosa" primeiro creamos enerxía e logo escolas de calidade para formar enxeñeiros xa non vai dar resultados. Hoxe os nosos enexeñeiros traballan máis fóra ca dentro da casa: temos unha empresa con sede en Redondela que está a traballar nas illas Orcadas (ao norte de Escocia) producindo enerxia mareomotriz O malo é que se chega capital para investir a nós vannos poñer o barco mareomotriz diante da praia das Catedrais pero a enerxía vánola vender a prezo de ouro... Se un Concello como Vigo ten a Barreras en venta por 1 € e á Autoridade Portuaria pechando a única empresa disposta a resucitar o Estaleiro San Enrique (Vulcano) qué van facer os Concellos da Mariña para revitalizar o tecido produtivo ? Vender xelados para Australia? Os economistas son unha raza interesante...