Traballadoras en primeira liña contra a COVID non recibiron os 300 euros comprometidos polo seu labor

A Asociación de Traballadores de Residencias de Galicia, TREGA, convocan para o día 8 de novembro unha concentración denunciando a falta de convenio no sector.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2021 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

A Asociación de Traballadores de Residencias de Galicia, TREGA, denuncian que este colectivo laboral está esquecido pola Xunta e pola patronal do sector que, segundo expresan nun documento "ralentiza até a desesperación a negociación colectiva. Así, a asociación anuncia unha concentración para o día 8 de novembro de 11:00 a 13:00 diante do edificio administrativo da Xunta en Vigo.

Concentración traballadoras residencias Domusvi e familiares de persoas usuarias
Concentración traballadoras residencias Domusvi e familiares de persoas usuarias

TREGA denuncia que o sector de traballadores e traballadoras das residencias leva desde o 2019 sen convenio colectivo e nin en 2020 nin 2021 tiveron subas salariais. Tamén lembran que algunhas empresas anunciaran unha bonificación de 300 euros polo traballo realizado durante a pandemia. "Non todas temos recibido a bonificación nin queremos "gratificacións", queremos os nosos dereitos".

Entre as demandas que expoñen está ter un salario parello ao SMI, un número suficiente de persoal ben formado para atender aos e ás residentes, o pagamento de festivos e cumprimento dos acordos reflectidos no convenio laboral. Denuncian a dobre moral da patronal "que reclama ter profesionais ben formados e con salarios dignos e cando se negocia con eles non queren rebaixar as horas de traballo porque "non é o momento"".

A última negativa da patronal a realizar melloras foi "o pasado día 21 de xuño no marco da comisión paritaria para o convenio colectivo". Este encontro realizado a instancias da CIG, buscaba a equiparación salarial das traballadoras do grupo E co SMI, "porque as nosas táboas salariais son inferiores".

Segundo explica TREGA no seu comunicado, a patronal respondeu que "todo traballador debe percibir, como mínimo, no conxunto das súas retribucións salariais, o importe do SMI, non debendo supoñer isto modificación do salario base do convenio. Actualmente estas profesionais cobran un salario base de 946,29 euros mensuais, cun complemento de 9,09 euros por domingo traballado e dúas pagas extraordinarias de 870,74 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta