Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2021 | Actualizada ás 17:08
A Asociación Animalista Libera e a plataforma Familias polo Respecto Animal felicitaron este luns ás forzas de seguridade que durante catro anos realizaron unha investigación para identificar ao presunto responsable da colocación de numerosos cebos con alfinetes en parques de Ourense. Por iso, instan a modificar a lei para "castigar con dureza" o uso de veleno ou alfinetes como "ensañamento". Así o indicaron estes colectivos animalistas nun comunicado, no que destacan que eses cebos con alfinetes empregados en Ourense "matarían a polo menos dous cans".
Estas organizacións sinalan que se trata dunha pescuda conxunta entre Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional, e este tipo de condutas "deberían estar especialmente penadas na normativa autonómica vixente".
Neste sentido expuxeron que a Lei de Benestar Animal de 2017 poida ser reformada para incluílas como "ensañamento", ademais de, engaden, "supor un perigo social, xa que calquera persoa e en especial a infancia, podería recoller estes cebos e mesmo inxerilos, provocándolles graves danos persoais".
A liña que expoñen Fare e Libera pasa, matizan, "por duplicar a contía das sancións máximas, actualmente en 30.000 euros, e por incrementar os períodos de inhabilitación para a tenencia ou convivencia con animais a un tipo superior de quince anos para exercer unha resposta disuasoria".
Así, lembran que este de Ourense "non é un caso inédito en Galicia", xa que "nun coñecido parque frecuentado por animais e familias da Coruña detectáronse cebos similares nos últimos anos" e, abundan, "de forma reiterada particulares ou asociacións dan a voz de alarma en diferentes localidades da comunidade".
Os animalistas esperan agora que a Xunta e as autoridades locais "tomen nota e se poñan ao choio" para actualizar unha norma que, a xuízo destes colectivos, "xa necesita cambios urxentes para adaptarse á sensibilidade cidadá do momento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.