Temas: DVICIO

Para gourmets: Maki nipón de mexillón galego

Mexillón de Galicia dará a coñecer no XXVIII Salón de Gourmets, que se celebra en Madrid do 10 ao 13 de marzo, as posibilidades do mexillón en conserva na alta cociña. Ademais, os pratos que se servirán están inspirados tanto na tradición galega como no patrimonio culinario internacional.

Por GC Tendencias | Madrid | 09/03/2014 | Actualizada ás 00:56

Comparte esta noticia

A cociña galega e xaponesa teñen en común unha tradición culinaria baseada en produtos do mar. A chef Emma Pinal aproveita estas ligazóns para preparar un saboroso maki de Mexillón de Galicia, no que se fusionan ingredientes típicos de ambas as dúas cociñas. Este será un dos pratos estrela da degustación de Mexillón de Galicia que terá lugar o martes 11 de marzo ás 13:30 h no stand da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Tapa de mexillón con fabas
Tapa de mexillón con fabas

 

Ademais, a chef recorre á tradición gastronómica galega para propoñer un prato de Mexillón de Galicia con Fabas de Lourenzá, unha boa maridaxe que nos ofrece o mellor da terra e do mar de Galicia. Por último, Emma Pinal proporá unha revisión do clásico escabeche, un arraigado método de conservación do molusco, cunha crema de Mexillón de Galicia en escabeche.

Todos os pratos teñen a particularidade de que estaren elaborados con mexillón en conserva, ao natural ou outros tipos de procesados amparadas pola DOP. A intención desta escolla é dar a coñecer as posibilidades das conservas na preparación de receitas sofisticadas, unha opción pola que están apostando cada vez máis cociñeiros.

Accesibles, prácticas e sans. As conservas de Mexillón de Galicia con Denominación de Orixe permiten seguir dispoñendo do mellor mexillón das Rías Galegas en calquera época do ano, independentemente das colleitas e dos ciclos biolóxicos do molusco.

O Consello Regulador participa no Salón Gourmets tamén como expositor, no stand da Consellería do Medio Rural e do Mar, situado no recinto feiral de IFEMA (pavillón 6, stand 10). Todos os interesados poderán obter información sobre a Denominación de Orixe Protexida e sobre os distintos produtos certificados, tanto frescos como transformados, dispoñibles no mercado. 

O Salón de Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen. De carácter anual, a feira ten o atractivo engadido de ser foro de debate e escaparate das tendencias que marcan a actualidade gastronómico-enolóxica mundial. Nesta edición participan 1.200 expositores e agárdase a asistencia de 75.000 visitantes profesionais.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta