A avalancha eólica podería poñer "en risco" a conservación do lobo en Galicia, din dende Adega

A plataforma ecoloxista insta ao Goberno a recuperar a figura dos pastores para evitar ataques do lobo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Nos últimos meses, o tecido asociativo galego máis vencellado ao medio ambiente vén de se desenvolver arredor de tres causas principais: a minaría, os eólicos e a protección do lobo. Agora, estas últimas dúas liñas veñen de ser fundir nunha soa reivindicación despois de que a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denunciara que o espallamento de parques eólicos sobre o territorio galego poñerá "en risco" a conservación do lobo.

Exemplar de lobo ibérico
Exemplar de lobo ibérico | Fonte: WWF.

A protección desta especie comezou a tomar auténtica forma despois de que o Goberno central aprobara excluílo da listaxe de especies cinexéticas --cazables-- e lle dera protección oficial. Unha circunstancia á que a Xunta de Galicia se opuxo duramente porque consideraba que deixaría aos agricultores desprotexidos. Este mesmo xoves, o Goberno vén de apuntar que son as CC.AA. as que se teñen que facer cargo das compensacións aos agricultores cuxo gando se vexa atacado polo lobo. 

Os proxectos eólicos sumarían así dificultades a unha protección que, a ollos de Adega, é tan rreversible como necesaria. Destacan que, de acordo cos últimos censos, en Galicia hai entre 84 e 90 mandas de lobo, dependendo de se se confía nos datos da Xunta ou do Goberno. O censo mantense estable dende hai xa case dúas décadas, xa que en 2003 a cifra era de 68, 85 de ter en conta os compartidos con Portugal. 

"Os datos dos censos non ofrecen evidencias claras de que a poboación teña aumentado. Porén, amosan unha tendencia á estabilidade no tamaño da poboación con respecto ás tres últimas décadas", subliñan dende a asociación, que ven no furtivismo un dos principais límites ao espallmento desa especie, con "barbaridades" tales como "cepos, lazos e velenos" para controlalos.

O PERIGO DOS EÓLICOS

De aquí en adiante, a problemática estaría en que a proposta de Estratexia de conservación do lobo do Goberno, din dende Adega, "obvia incluír como factor de ameaza para as poboacións de lobo as infraestruturas eólicas". Isto malia de que no documento preliminar de bases e na Estratexia aprobada en 2005 si se consideraba oportuno introducir o lobo como especie focal nos estudos de avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos, a efectos de reducir, mitigar, ou eliminar posibles ameazas sobre a especie e a súa poboación, engaden

"Tendo en conta o 'boom' que está experimentando a enerxía eólica, cunha importante demanda de novos parques que afectan a territorios na súa maioría coincidentes con zona de presenza de lobo, resulta imprescindíbel recuperar esta iniciativa na Estratexia estatal", destacan dende Adega, que vén de trasladar ao Ministerio competente unha serie de medidas orientadas a limitar os ataques do lobo e a súa afectación por parte dos eólicos. 

Entre as propostas que ADEGA traslada ao Ministerio para a súa inclusión na Estrarexia, figura como unha das medidas preventivas a recuperación da figura do pastor, en especial nas explotacións que conteñen un número importante de cabezas de gando en extensións amplas. Nreste senso, explican. a UE recomenda nun informe que partir de 50 unidades recoméndase a vixilancia con pastor para a gandería extensiva e amplas zonas. A ausencia de pastoreo durante o día, a pesar de que poidan estarse a empregar algunhas medidas preventivas (peches, cans de lobo), e dada a falta de presas salvaxes para o lobo, pode ser fonte dunha maior recorrencia de ataques.

ADEGA propón tamén medidas para mellorar os recursos tróficos da especie, como a recuperación de cérvidos e outros ungulados silvestres, presas naturais do lobo. "Diversos estudos sinalan que a adopción de medidas de prevención e o aumento da abundancia de presas salvaxes poderían reducir a depredación do gando por parte dos lobos e, á súa vez, ofrecer mellores oportunidades para a convivencia entre humanos, lobos e gando", destacan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta