Os mineiros de Touro piden ao ecoloxismo que "non se interpoña no futuro da comarca"

Unha plataforma patronal lamenta a postura do "non ao todo" das asociacións ecoloxistas que veñen demandando que se cumpra a lei.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A Asociación Plataforma Mineiros Touro remitiu este mércores un comunicado aos medios nos que critican as actitudes de "certos colectivos" que "se negan a escoitar" e a "saír da súa postura do non a todo". Así o trasladaron despois de que o pasado fin de semana representantes de 56 asociacións e colectivos ecoloxistas, veciñais e de profesionais do mar esixisen á Xunta que impoña "dunha vez por todas" a Cobre San Rafael S.L., a empresa concesionaria da mina de Touro, que cumpra a lei e que presente o plan de restauración do espazo afectado que a normativa lle obriga a elaborar.

Os promotores impulsaron un proxecto de drenaxe do que desconfían os ecoloxistas e, este mércores, a Plataforma Mineiros Touro lamentou esta postura de quen "gritan ben alto non" sen escoitar "aos máis de 1.300 veciños" que pertencen á súa asociación e que defenden "un si".

"Un si á industria, ao futuro e á nosa comarca. E, por suposto, un si con garantías. Por que non nos deixan explicalas? Oponse firmemente a un proxecto que está a máis de 60 quilómetros sen coñecelo a fondo. Atrévense a pedir o cesamento dunha actividade que non lles afectará, nunha zona que non é a súa. E cando se propoñen solucións ás súas demandas, de forma voluntaria pola empresa, tampouco as aceptan. Nin sequera as escoitan...", afeou.

"DEIXADE DE INTERFERIR NO NOSO FUTURO"

"Por favor, deixade de interferir no noso futuro e no desenvolvemento da nosa comarca dunha maneira tan gratuíta", pediu a plataforma, convencida de que os colectivos críticos "non queren que se fagan obras de remedio ambiental". "Non queredes o proxecto, pero nós necesitámolo. E, ante todo, non queremos conflitos entre veciños. Porque isto non é unha guerra, é un proxecto para a comarca. É o futuro da nosa terra e merece o máximo respecto", apela finalmente.

Efectos mina de Touro. SALVEMOS CABANA
Efectos mina de Touro. SALVEMOS CABANA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta