Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 12:41
A portavoz de Igualdade do PSdeG na Cámara galega, Noa Díaz, denunciou a "vulneración da protección de datos" por parte da Xunta ao usar os teléfonos facilitados para optar a unha subvención pública para "encher un acto propagandístico".
A deputada socialista rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia por considerar "absolutamente improcedente" que os datos facilitados para optar a unha subvención pública para o fomento do emprendimiento feminino sexan utilizados pola Xunta para "tentar encher este sábado un auditorio na Coruña" nun acto do Goberno galego.
Neste sentido e nun comunicado remitido aos medios, tachou de "inaudito" que as mulleres solicitantes das axudas estean a ser convocadas para asistir á conmemoración do XXV aniversario do programa Emega "por parte dunha empresa privada de organización de eventos que utiliza estes datos de contacto cando, loxicamente, non foron facilitados para tal fin".
A parlamentaria asegura que, "tendo en conta que aínda non se fixeron públicas as resolucións" destas subvencións, "estas chamadas están a confundir ás mulleres solicitantes co que a súa axuda pode depender da súa asistencia ou non ao acto", o que "pode entenderse como unha coacción ou unha medida de presión que é intolerable".
Para todo iso e para que non haxa maior confusión, Noa Díaz urxe á Xunta a aclarar a situación e publicar "mañá mesmo" a resolución desta convocatoria cando, ademais, "normalmente as persoas beneficiarias destas axudas coñecíanse a finais do mes de outubro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.