Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 14:11
Unha vintena de traballadores da empresa Xeal concentráronse na mañá deste mércores ás portas dos xulgados da Coruña para dar apoio a unha das súas compañeiras, que denunciou un caso de abuso sexual e laboral cometido supostamente por un superior. Segundo explicou o presidente do comité de empresa, Alfonso Mouza, os traballadores consideran que a compañía "tentou ocultar" o caso, polo que se concentraron para que se faga xustiza coa súa compañeira e "non volvan repetirse situacións similares".
Os feitos denunciados ocorreron o ano pasado e, segundo manifestou Mouza, a empresa fixo "caso omiso" do Plan de Igualdade que ten a compañía. O presidente do comité dixo que tras o incidente, a súa compañeira foi trasladada ao mesmo lugar que o seu agresor, algo interpretado como "unha represalia" por presentar a denuncia.
Preguntado pola resposta que lles deu a empresa, Mouza apuntou que esta "externalizou" a investigación, que concluíu con que "non houbo abuso laboral nin sexual". O representante dos traballadores lembrou que o presunto agresor tamén está acusado de abuso laboral por outra compañeira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.