Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 15:20
Abanca iniciou este xoves as negociacións cos sindicatos para realizar un axuste de persoal que afectará uns 350 traballadores pola integración de Bankoa e Novo Banco. Segundo fontes dos sindicatos consultadas por Europa Press, a entidade alega causas "organizativas e de produción" e sitúa o total de empregados afectados en 370.
Apunta a "solapamentos en 15 provincias" a maiores dos servizos centrais, que no caso de Bankoa están en San Sebastián. Deste xeito, o proceso afectará tamén ás catro provincias galegas, segundo resaltan as organizacións sindicais.
O representante da CIG na reunión, Alberto Carballo, expón o rexeitamento da súa central á formulación da empresa xa que, na práctica, di, supón "desfacerse" dun volume de persoal equivalente a case "a totalidade" do que achegan os bancos cuxo negocio "asume" a entidade galega. Bankoa conta con algo menos de 260 traballadores e Novo Banco cuns 157.
Tamén critica as condicións expostas, xa que, aínda que Abanca fala de "voluntariedade", iso "é relativo", advirte, e asegura que acabará habendo despedimentos indemnizados, recolocacións e desprazamentos. En canto á idade, segundo indica, o banco expón as saídas para maiores de 58 anos, pero dá por feito que se non se cobre a cota "terá que tomar medidas traumáticas". Por último, a CIG sinala que a dirección trasladou a intención de homologar condicións e horarios.
UNHA DUCIA DE OFICINAS
A próxima reunión está convocada para o mércores 24 e os sindicatos esperan entón abordar a afectación de oficinas, que rolda a unha ducia, en contornas urbanas. UGT e CC.OO. teñen maioría e no encontro deste mércores, que foi o primeiro dentro dun período de conversacións informal que chegará ao 31 de novembro --logo haberá un prazo doutros 15 días para pechar o acordo--, avogaron por dar voz, pero non voto, ao sindicato LAB, que ten o 100% da representación sindical dos servizos centrais de Bankoa. Pola súa banda, Abanca "quere trasladar a negociación a Madrid", segundo asegura a CIG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.