Denuncian que a Xunta "chantaxea" aos concellos que reciclan para favorecer a Sogama e Ecoembes

Adega denuncia que Medio Ambiente menciona en cartas remitidas aos municipios "supostos incrumpimentos da normativa de residuos" do sistema de tratamento alternativo e non menciona as "ruinosas cifras de Sogama".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/11/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Adega vén de denunciar que a Xunta chantaxea aos concellos da Mancomunidade do Barbanza que operan na planta de compostaxe de  Lousame para favorecer a Sogama e Ecoembes. Nas cartas remitidas a estes concellos, denuncia a asociación ecoloxista, Medio Ambiente exixe melloras e cuestiona a viabilidade do sistema de recollida e compostaxe.

Imaxe do vidro entre os materiais inertes. SOGAMA
Imaxe do vidro entre os materiais inertes. SOGAMA

Segundo sostén Adega, a consellería de Medio Ambiente enviou cartas a estes concellos por supostos incumprimentos da normativa de residuos e esixindo melloras; mentres que "curiosamente" esquece mencionar as "ruinosas cifras de Sogama, ocultando os reiterados incumprimentos legais que amosa o seu modelo e as consecuencias que para os concellos enganchados á incineración vai ter o establecemento de taxas aos tratamentos finalistas· 

Nunha misiva que califican de "ameazante", a Xunta apela ao cumprimento da Lei galega de residuos, a normativa estatal e a europea, que establecen as condicións e obxectivos de reciclaxe das diversas fraccións dos residuos municipais. De seguido, sinalan que as cifras de reciclaxe (31.4% en 2020) do modelo de xestión da Mancomunidade do Barbanza "están moi lonxe de acadar estes obxectivos", a saber, o 50% de reciclado (nova lei estatal de residuos, en tramitación) e un máximo do 40% a vertedoiro en 2025.

Dende Adega apuntan que, ademais de que os datos do Complexo do Barbanza corresponden a 2020 (ano marcado pola pandemia no que non funcionaron as liñas de triaxe),  chama "poderosamente" a atención que a Xunta "só se amose preocupada polos supostos incumprimentos do sistema Lousame, e non comente os resultados do sistema Sogama, que leva case de 30 anos amosando as cifras máis baixas de reciclaxe do Estado español".

Así, e segundo datos do MITECO, censuran que o modelo Sogama (ao que están aderidos 295 concellos galegos) aplica tratamentos de incineración e vertido a máis do 96% dos refugallos municipais que recibe e xenera, reciclando só un 3,16%. Pola súa banda, o complexo medioambiental do Barbanza (9 concellos) reciclou en 2018 un 13% dos residuos recibidos, compostou a materia orgánica doutro 22,43% e enviou a vertedoiro, sempre previa triaxe, arredor dun 64%. Subliñan tamén dende Adega que en 2018 Sogama compostou o 0% dos residuos orgánicos e que no Barbanza, 0% foi precisamente a porcentaxe que se incinerou.

Adega insta á Xunta a deixar atrás "a estratexia do matonismo e a ameaza para tentar desestabilizar o sistema de tratamento alternativo a Sogama da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza". Ademais, urxen ao Goberno galego a "poñese as pilas, tomar exemplo do Barbanza e aplicarse a mellorar o sistema se non quere que a UE sancione o desastroso modelo de xestión dos residuos que promove". Ao tempo, consideran que deberían "informar" aos 295 concellos das "graves consecuencias económicas que van ter que asumir se seguen confiando en Sogama e Ecoembes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta