Espolio eólico

A implantación dos grandes polígonos eólicos polo país adiante so beneficiaría a empresas externas e prexudicaría gravemente o medio rural galego. Cabe preguntarse como é posible que a Xunta permita, e mesmo incentive, algo así.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 25/11/2021

Comparte esta noticia
O vento é natural e infinito. Por iso a eólica está considerada unha enerxía renovable e forma parte das estratexias verdes que se van impoñendo no planeta. A política pode ser depredadora e ruín. Por iso ten a capacidade de tornar algo beneficioso en desastroso. 
Hai dúas maneiras básicas de instalar aeroxeradores: en número axeitado á demanda próxima ou en grandes polígonos desde onde se traslade a enerxía a zonas lonxanas de consumo. A produción descentralizada beneficiaría as empresas locais, sería respectuosa co medio natural e evitaría as instalacións subterráneas para a evacuación da enerxía. O despregue de grandes polígonos eólicos beneficiaría as grandes empresas eléctricas, suporía unha agresión potencialmente devastadora ao medio rural e esixiría a construción de grandes canalizacións para o traslado da enerxía. O modelo que elixiron tanto a Xunta de Galicia coma o Goberno de España semella ser o segundo.
 
A aplicación do Plan Sectorial Eólico de Galicia actual implicaría inzar o rural galego de muíños de ata 200 metros de altura (caseque catro veces a altura da Torre de Hércules!). Faríase en polígonos acoutados dentro dos cales as empresas promotoras gañarían dereito de uso. Tal como mencionan os propios proxectos de execución, as consecuencias dos aeroxeradores serían negativas e significativas en materia de ruído, biodiversidade, paisaxe e turismo, deixando aberta a dúbida do impacto sobre os acuíferos e a calidade dos solos debido ás canalizacións requiridas para evacuar a enerxía cara as zonas de consumo. 
Os polígonos eólicos previstos en Galicia causarían uns efectos graves e permanentes nas bisbarras afectadas, serían promovidos por empresas foráneas que recollerían grandes beneficios sen máis custo que o investimento inicial, promoverían unha empresa auxiliar situada maiormente fóra do país, non deixarían ingreso ningún nos concellos onde se localizasen e, por último, servirían para que outras CC.AA., principalmente Madrid, dispoñan da enerxía que necesitan. 
 
É coñecido ese mapa de CC.AA. españolas que amosa Galicia como principal territorio produtor de enerxía eléctrica e Madrid como principal territorio consumidor. En Madrid non hai muíños que estraguen o seu medio natural nin centrais hidroeléctricas que afoguen os seus ríos. Non os precisan porque para iso xa teñen Galicia. Sen embargo, unha fábrica como a de Alcoa en San Cibrao decide pechar polo custo da electricidade, tendo como ten un enorme polígono eólico a 50 quilómetros. E un pensa como é posible que os políticos galegos permitan e mesmo fomenten semellante espolio. 
 
Un podería pensar mal e supoñer que eses políticos galegos que permiten o espolio carecen de alma pero non de carteira. Mais axiña corrixe o seu pensamento entendendo que a cousa resultaría demasiado evidente; tales condutas sairían á luz tarde ou cedo. Valora entón o combo de “político sen alma pero con partido”, entendendo que ao beneficiar as grandes eléctricas en prexuízo do seu propio país, perseguen reforzar o vínculo entre esas poderosas corporacións e o seu partido político, o que algún día redundará no seu proveito persoal. Ou estima como terceira opción a de que tales políticos carezan de alma –iso douno por demostrado– pero non de preocupación polo seu futuro, e consideren que unha porta xiratoria que lle permita o paso cara a un consello de administración ben remunerado pode ser un retiro envexable. 
 
Galicia exporta o 40% da electricidade que produce. Sen embargo, importa cereais, hortalizas, legumes, oleaxinosas, froitas, aceite... Unha invasión de aeroxeradores é posible en Galicia por dous motivos principais: primeiro, porque somos a Comunidade Autónoma con menos territorio protexido; e segundo, porque mentres no conxunto de España, a superficie destinada a cultivos agrarios de consumo humano é o 25,5% do total, en Galicia esa mesma proporción é do 3,9%. Ás veces un pensa que o abandono do rural galego foi á mantenta para poder esquilmalo en beneficio dos grupos empresariais que extraen beneficio da explotación do medio natural desprotexido.  

Marcha reivindicativa en Neda contra o parque eólico Caaveiro
Marcha reivindicativa en Neda contra o parque eólico Caaveiro | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego