Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 25/11/2021 | Actualizada ás 22:00
A primeira pedra pode ser un comentario sobre como viste, logo unha brincadeira con connotacións sexuais e pouco a pouco a cousa pode ir en aumento até chegar a extremos invasivos como non respectar o espazo interpersoal ou meterse na vida privada dunha persoa. As raíces deste comportamento están no cerne da sociedade, primeiro formada nunha cultura patriarcal e logo nunha xerarquía laboral que reproduce os mesmos comportamentos no ámbito laboral. Finalmente, cuestións como a inestabilidade laboral, a precariedade, o medo e outras circunstancias impiden ou frean a intención de denunciar o acoso sexual dentro do traballo.
ALGÚNS DATOS
O mesmo Goberno central apunta que case o 50% das mulleres vítimas de acoso sexual sinalan aos superiores xerárquicos como os principais victimarios. Isto sae do informe El acoso sexual y el acoso por razón de sexo en el ámbito laboral en España, un estudo froito do financiamento da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero (DGVG) e a Confederación Sindical de Comisiones Obreras (CCOO) publicado en 2021. “Primeiro temos a discriminación por sexo, o home é superior á muller, e logo está o acoso sexual que está moi invisibilizado” do Mamem Sabio de CCOO. A invisibilización deste problema impide por tanto ter datos reais aproximados sobre a incidencia do acoso sexual en todo o Estado.
“A desigualdade entre xéneros, os chistes e os comentarios mais tamén ignorar as opinións das compañeiras de traballo e xa, por último, o asalto físico” materializan a percepción, imperante aínda, duns comportamentos insolidario e máis aínda intolerables, entre compañeiros e compañeiras de traballo, como apunta Nicolasa Castro da CIG. E todo isto cando desde 2007 por lei as empresas “deberían ter protocolos de actuación contra o acoso e fóra do ámbito laboral debera denunciarse á Inspección de Traballo ou acudir aos tribunais”.
O acoso laboral é unha práctica moi estendida e aínda así, as denuncias contra estas accións son realmente escasas. “Estes comportamentos están moi normalizados dentro da cultura laboral que practicamente non se denuncian. Só o 8% dos casos denunciados no Estado son por acoso sexual” sinala Trinidad Campos da UGT. Un dato tamén remarcado por Campos é “a dificultade de introducir os protocolos antiacoso nas negociacións colectivas” sobre todo en empresas pequenas, onde parece que sensibilizar sobre este tema non parece ter boa acollida. E isto que a xa mencionada Lei de Igualdade no Traballo de 2007 se reforzou co Real Decreto de 2020.
QUEN ACOSA
Existen campos laborais onde o acoso sexual sexa máis probable? “Os traballos máis feminizados, ás veces porque é o único salario que entra na casa de aí o medo a perder eses ingresos” sinala Mamen Sabio. A raíz disto, Sabio apunta por exemplo ás admnistracións locais, quen contratan empresas externas para determinados traballos como limpeza. “Deberan informar ou impoñer medidas sobre aquilo que non se debe facer, mais como resultan actos desagradables, é algo do que non se fala”.
Como dato de até onde poden chegar as actitudes acosadoras, a Organización Internacional do Traballo recolleu no seu texto 190 o “acoso in itínere”. Unha traballadora que era acosada por outro usuario do bus urbano mentres ela ía ao traballo. O acosador foi condenado, mais como apunta Sabio, “non deberiamos chegar a estes puntos”.
Socialmente está moi aceptado o dito de “algo faría” en canto se denuncia acoso sexual no emprego, unha actitude procedente dos valores sociais aceptados pola maioría. “As empresas non queren que se coñezan os feitos” porque pode prexudircar a súa imaxe. “Mesmo en negociacións colectivas, cando chegamos a este punto, a empresa parece querer protexer máis ao acosador que á vítima” sinala Nicolasa Castro. E isto por que? “Temor ás denuncias falsas”.
En relación a este último punto, Trinidad Campos quere deixar claro que “de 150.000 denuncias presentadas por acoso en toda España o 0,0076% eran falsas”. Por outra parte, a media de tempo que se tarda en denunciar un destes casos é de 8 anos. Alén diso, preguntada sobre o perfil da persoa acosadora, Campos sinala que un 40% dos casos veñen de superiores e o 30% de persoas do mesmo nivel laboral. Existe un perfil máis concreto de quen acosa? “Sobre todo persoas sen unha educación en valores de igualdade e á parte, esa persoa tamén pode ser unha acosadora no ámbito familiar”.
A conclusión das diferentes partes consultadas é a necesidade primeiro, dun cambio social sobre o que é a igualdade de oportunidades e de acceso aos mesmos postos de traballo. A necesidade de cumprimento da lei en relación ao acoso e crear unhas canles de proteción á persoa acosada. Implantación das diferentes directrices, protocolos e lexislación en todas as empresas, grandes ou PEMES e sobre todo, combater a precariedade laboral en traballos feminizados e a posible violencia machista que poda haber detrás tanto do acoso como dentro da vida familiar da persoa acosada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.