Denuncian unha "represalia" do alcalde de Becerreá ao despedir a todo o persoal do GES

A CNT asegura que a medida pode incorrer en "prevaricación" e anuncian que a impugnarán de levarse a cabo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O Concello de Becerreá acaba de comunicar a súa intención de aplicar un ERE extintivo contra o persoal do GES, de maneira que a partir do 31 de decembro os once traballadores que conforman o servizo serían despedidos. Así o vén de apuntar a estrutura da CNT en Galicia, que destaca que, de acordo coa comunicación do alcalde aos efectivos, o despedimento colectivo viría motivado por “causas organizativas”.

O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, fundador de Galicia Sempre
O alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, fundador de Galicia Sempre | Fonte: Europa Press - Arquivo.

De acordo coas mesmas fontes, estas causas non serían outras que a renuncia ao GES previamente efectuada “de maneira unilateral” polo propio Concello. Así, subliñan dende Confederación, “o alcalde pretendería facer pasar por unha xustificación para este despedimento colectivo a renuncia a un servizo que ofrece un servizo esencial á cidadanía e que ademais garante o superávit para as contas municipais”.

O problema de fondo viría de máis atrás. E é que, segundo relata a CNT nun comunicado, o ERE vén dado despois de que o Concello se vira obrigado a acatar unha sentenza sobre a posible fixeza deste persoal. E é que parte do persoal foi inicialmente contratado en fraude de lei no ano 2013 e neste momento “está á espera de que o TSXG resolva os recursos sobre esta cuestión”. 

"REPRESALIA"

Para a CNT, é “evidente” que a medida extintiva ten un “carácter de represalia”; máxime porque o ERE viría decidido antes da fase de negociación preceptiva. E apúntano así porque a renuncia do Concello de Becerrea ao GES, levada a cabo mediante escrito da alcaldía do 16 de novembro, “xa implica o despedimento da persoal do GES” sen propor alternativa algunha, subliñan. A CNT fala, pois, dunha “vulneración flagrante dos dereitos máis básicos do persoal” e adianta que, de tomar forma, procederan a impugnar “por nulo” o despedimento colectivo, que, ao seu ver “pode supoñer unha práctica incluso prevaricante ou malversadora”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta