Por Europa Press / Redacción | Madrid | 24/11/2021 | Actualizada ás 20:25
O empresario Amancio Ortega, fundador de Inditex e a maior fortuna de España, puxo á venda a súa superiate Drizzle por 76 millóns de euros, o que o sitúa como unha das 25 embarcacións máis caras do mundo que están agora mesmo á venda.
Segundo destaca o medio 'Boat International', que recolle os datos da venda, o barco conta con 68,77 metros de eslora e unha velocidade máxima de 16,5 nós. Ten capacidade para 12 persoas e 18 tripulantes.
O medio asegura que o obxectivo da familia Ortega era vender o barco en 2022, pero finalmente adiantouse a 2021 debido que está a ser "o mellor ano" da historia no mercado das vendas de superiates.
A empresa encargada da venda é a mallorquina Hamilton Marine. "O Drizzle é perfecto para alguén que non queira unirse a unha lista de espera de barcos novos", explicou ao citado medio Jonathan Syrett, axente de vendas de Hamilton Marine a cargo da transacción.
O prezo de venda supón un desconto con respecto ao que pagou Amancio Ortega en 2012 por el, cando abonou 95 millóns de euros. A venda prodúcese despois de que o medio 'InfoLibre' asegurase hai dous meses nunha información que Ortega matriculara este barco en Malta co obxectivo de aforrarse impostos, aínda que un portavoz do empresario aludiu a razóns de discreción e privacidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.