Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 11:43
A asociación cultural e observatorio político 'Lugo Sempre' pedirá á Real Academia Galega que "faga unha excepción" e dedique proximamente o Día das Letras Galegas ao escritor e académico, Darío Xohán Cabana, falecido a pasada semana tras unha longa enfermidade no seu domicilio de Lugo.
O presidente de 'Lugo Sempre', Agustín Gallego, puntualizou que "unha vez pasada a traxedia" da perda do autor de Cospeito solicitarán por carta que "non teñan que pasar" os dez anos desde a morte dun escritor para poder ser protagonista do 17 de maio.
Gallego reivindicou a "gran figura cultural e literaria" que atesouraba Darío Xohán Cabana. "A día de hoxe creo que non se lle dá o valor que se lle ten que dar, aínda que parte da sociedade si. O legado que nos vai a deixar é moi importante", sinalou.
Así, concretou que a petición formal á RAG aínda non foi formulada, aínda que se lle fará chegar a través dun escrito para que conceda unha excepción á "regra non escrita" que establece que deba pasar polo menos unha década desde a perda dun autor para que se lle dedique o Día das Letras.
"Esperamos que se faga unha excepción, aínda que somos conscientes que teñen que pasar uns anos para que sexa así, pero nós ímolo a tentar", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.