Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 12:33
O secretario da Federación de Servizos da UGT de Lugo, Eliseo Rivas, alertou dun "repunte" nas agresións a persoal sanitario e non sanitario nos PAC e centros de saúde da provincia. Este xoves, Rivas apuntou que se trata de "un problema social, a reacción dos usuarios aos profesionais con agresións en moitos centros de saúde" como o rexistrado hai unha semana na Mariña.
"Hai tensión entre os usuarios por situacións das que para nada son responsables os profesionais da sanidade", advertiu o sindicalista de UGT. Eliseo Rivas atribuíu este "repunte" a que a atención primaria "segue cos problemas de sempre, segue habendo falta de persoal, non se cobren as substitucións e hai listas de espera".
"Non se conta cos recursos para dar unha mellor atención na PAC e entón isto é o que provoca tensións entre os usuarios", interpretou. O responsable da Federación de Servizos da UGT lamentou que "raro é o mes en que non se produce algunha agresión, ou ben a persoal de enfermaría, a facultativos ou a persoal non sanitario".
"Estas situacións de tensión veñen motivadas polo funcionamento que podería mellorar e que para nada é achacable a estes profesionais", censurou. Para Rivas, está claro que "a única responsable destes ataques é a Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade" pola súa xestión dos recursos sanitarios e, en concreto, da atención primaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.