Jorge del Cura: "os conflitos en prisión atállanse con máis formación e non con máis autoridade"

Unha emenda do Goberno central prevé recoñecer aos funcionarios de prisións como axentes da autoridade. Unha petición de 26 organizacións require aos grupos parlamentarios do Congreso non abrir a porta ao retroceso nos dereitos fundamentais e na dignidade das persoas presas. Falamos con Jorge del Cura, membro do Centro de Documentación Contra la Tortura.

Por Alicia Casas | Compostela | 06/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A nova lei 'mordaza' recoñecerá aos funcionarios de prisións como axentes da autoridade no caso de prosperar unha emenda presentada polo PSOE e Unidas Podemos. A emenda suporía modificar vía disposición final o artigo 80 da Lei Xeral de Penitenciaria e outorgar un maior grao de protección aos traballadores públicos.

Antigo aspecto do cárcere da Coruña
Antigo aspecto do cárcere da Coruña | Fonte: Proxecto Cárcere

Significará que a agresión dun recluso a un vixilante de prisións será considerada atentado e por tanto causa penal, non só administrativa. Tamén que, e entre outros aspectos, os funcionarios de prisións pasarán a gozar do principio de veracidade na tramitación de partes e informes disciplinarios. Así, e "agás proba en contrario", a declaración dun funcionario bastará para sancionar a un preso.

O recollido na emenda é unha das reivindicacións que levan tempo uxindo os sindicatos, que consideran de forma maioritaria un avance pero insuficiente na mellora das súas condicións laborais. Manteñen declarado o conflito colectivo con Interior e a petición de dimisión ao director de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz, ten aínda plena vixencia.

Funcionarios de prisións de A Lama, Teixeiro, Bonxe, Monterroso e Pereiro de Aguiar trasladaban a Galicia Confidencial os males endémicos que atinxen a todas as prisións do Estado e afectan tamén aos cárceres galegos. Denunciaban a intensificación da violencia ante a falta de recursos e o ocultismo de Institucións Penitenciarias. Afirmaban que ademais dos graves déficits na atención sanitaria e educadora aos presos, nun módulo onde antes había cinco funcionarios agora quedan dous. Á falta de capital humano sumaban o envellecemento dos traballadores e a falta de formación para afrontar situacións conflitivas, o que aseguraban, ía en detrimento da seguridade. Por iso, consideraban que ser recoñecidos axentes da autoridade actuaría como medida disuasoria á hora de ser atacados.

Pero 26 organizacións que se veñen de dirixir aos grupos parlamentarios do Congreso para pedir un paso atrás e non aprobar a medida, lembran que a norma aprobada no 79 que agora pretenden reformar supuxo "un salto democrático, xa que creou un corpo civil para a xestión dos centros prisionais, en contra do que acontecía no réxime franquista". Para estas organizacións, a emenda formulada polo Goberno central supón a "policialización" do funcionariado, abrindo a porta á arbitrariedade nas decisións que afectan ás persoas privadas de liberdade e dificultando aos reclusos denunciar situacións de malos tratos ou tortura.

O rexeitamento destas organizacións á emenda ampárase no relatorio do Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa após a súa última visita ao Estado español, en setembro de 2020. Nesa visita que durou 14 días o CPT visitou comisarías, prisións, centros de menores e hospitais psiquiátricos penitenciarios de Andalucía, Comunidade Valenciana e Madrid. Neses 14 días o comité recolleu 21 alegacións de persoas privadas de liberdade por malos tratos ou tortura (para ditaminalo é precisa unha investigación xudicial) nas tres comunidades. En todos os sitios nos que estivo o CPT se atopou con detidos e fundamentalmente presos que alegaron ter sido obxecto de tortura ou malos tratos.

Son datos que proporciona Jorge del Cura, membro do Centro de Documentación Contra la Tortura. Falamos con el.

A presión sindical estaría detrás de que o Goberno central busque aprobar esta emenda? Non sei se sorprende máis, se cadra, por parte de Unidas Podemos.

Creo que os sindicatos están pedindo moitas cousas, entre outras un aumento de salario, que me parece lexítimo, e centraron as súas batallas nesa mellora económica e no recoñecemento como axentes da autoridade. Posiblemente o Goberno non pode outorgar todo iso e, como non dan un aumento de salarios ou aló menos non todo o que piden, intentan silencialos con esa medida. Estou convencido de que se lles ofrecen un aumento do 50% a cambio de non ser axentes da autoridade a inmensa maioría dos funcionarios estaría dacordo. 

Por outra parte houbo pequenos intentos por parte do actual director de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz, de poñer fin ás torturas e malos tratos. Houbo por exemplo algunha circular para que calquera queixa ou denuncia por trato degradante de calquera preso se remita directamente ao xulgado de garda haxa ou non parte de lesións, e isto os funcionarios de prisións considerárono como un intento de criminalización e menoscabo. Entón creo que aí hai un intento por parte do Goberno de dicir: dun lado fago isto e, doutro, douche esta 'golosina'. Tamén lles ofreceron poder rexistrarse, ao ser axentes da autoridade, non co seu nome cando fan unha denuncia senón co seu número profesional. Se pasa isto pasaría como cos axentes de policía, que non hai forma de identificalos e polo tanto aumenta a impunidade.

Creo que o Goberno non pode afrontar a parte económica e intentan compensalos pero en calquera caso creo que Unidas Podemos debería explicar ese cambio. Non soamente que os partidos se opoñan senón que Unidas Podemos explique este cambio de posición. É unha opinión persoal, non dos colectivos que asinan a proposta.

O Comite de Prevención da Tortura notificou no útimo informe que os malos tratos cara as persoas presas se seguen producindo. Poderías profundar un pouco nesta cuestión?

O comité móstrase moi preocupado non só polas agresións que ocorren nas comisarías, que eran fundamentalmente para conseguir información (o cal entraría claramente na definición de tortura das Nacións Unidas), senón pola situación de prisións, onde fixo un estudo máis en profundidade. Alí atopouse con situacións moi graves. En concreto, leo literalmente: "en todas as prisións visitadas os presos se referiron a varios funcionarios que buscaban provocar conflitos ou que utilizaban calquera pretexto para demostrar o seu poder sobre os reclusos, mesmo con malos tratos físicos e abusos verbais". Continúa: "Ademais, todos os presos cos que falou a delegación, afirmaron que presentar calquera tipo de queixa formal contra un funcionario de prisións só empeoraría a situación".

Xa agora para os presos presentar unha denuncia crea moitas complicacións, con problemas de traslados e privacións de visitas, e se esas queixas foran dirixidas contra un axente da autoridade, poderíanse atopar e atoparíanse cunha contra-denuncia que agravaría de xeito importante a súa situación en prisión. Se xa hai agora medo a denunciar, como din os presos, esta situación empeoraría.

E chegan a algún lado as denuncias que se fan?

O CPT sinala que, ademais destes 21 casos de agresións notificadas, moitos presos comentaron que sufriran malos tratos en prisións pero que preferían non comentalas para evitar represalias. En Albocàsser, dos 75 presos cos que se entrevistou, a terceira parte manifestou ter sido obxecto de malos tratos ou tortura por parte dos funcionarios. Son 25, e no que recolle o procedemento só falan de 2 casos, polo que hai outros 23 casos de presos que alegaron malos tratos pero que non quixeron que se fixese público. 

Segundo as conclusións do CPT "existe un patrón de malos tratos físicos infrinxidos por funcionarios de prisións como reacción desproporcionada e punitiva ao comportamento recalcitante dos presos". É algo reiterado, non algo illado. Tamén é certo que a inmensa maioría dos funcionarios non participa nestas agresións pero outra cousa é que calen ou miren para outro sitio. 

Por suposto que a estas denuncias non hai que darlles unha carta de credibilidade absoluta, hai que investigalas, pero non se investigan. O comité tamén se queixa de que os xulgados non fan ningún labor de investigación senón que se limitan a dar por bo o que informa o centro penitenciario. Se os funcionarios, que xa teñen unha certa presunción de veracidade, teñen ademais carácter de autoridade e a súa palabra maior peso, evidentemente as posibilidades de que se investiguen estas condutas desaparece. Esta medida sería un paso atrás en calquera intento de consolidar os dereitos das persoas e consolidaría esa cultura de abuso e impunidade que o propio Consello de Europa denuncia.

Pero tamén os funcionarios de prisións levan tempo manifestando un incremento de agresións por parte dos internos e denunciando o silencio de Institucións Penitenciarias nestes casos, concluíndo que ao Ministerio de Interior non lle interesa notificar estas agresións para non recoñecer que a reinserción non se está dando nos cárceres españois. Concordas?

Non. Os cárceres son unha institución violenta dende o momento no que hai persoas privadas de liberdade, e á marxe de que sexa xusto ou inxusto, nas prisións hai violencia. Pero polos datos que temos estamos nun momento, por dicilo dalgunha forma, tranquilo. Dígoo ente comiñas. Hai agresións de presos a funcionarios e algunhas son relativamente graves, e en todo caso, inaceptabéis. Pero esa situación que denuncian os funcionarios é parella ás denuncias que fai a Garda Civil, que está a dicir que hai un aumento das agresións contra policías e non é verdade. Hai agresións, e eles encárganse de facelas públicas, pero non hai un aumento especial. Como tampouco é verdade que a sociedade española sexa moi violenta e belixerante. Afortunadamente é unha das sociedades máis pacíficas de toda Europa.

Hai agresións e hai que investigalas todas, sexan de funcionarios a presos ou de presos a funcionarios. Pero esas situacións de violencia, que se dan porque os cárceres están baseados na violencia, aínda que sexa no monopolio lexítimo do Estado, non se solucionan co Código Penal. Soluciónanse con máis formación. De feito o Comité incide en que hai que formar aos funcionarios para poder resolver con eficacia as situacións conflitivas que se dan en prisións e non co uso da violencia e a agresividade. O Comité di varias veces que a resposta habitual dos funcionarios ante situacións conflitivas é o emprego da forza mínima necesaria, que xeralmente é abusiva porque se podería evitar dende o primeiro momento.

Institucións Penitenciarias insiste en que si que se forma aos funcionarios, pero a formación en dereitos humanos non se aprende na Constitución nin na Convención contra a Tortura das Nacións Unidas, é que se entenda que significa a dignidade das persoas e se saiba aplicar. Non falo soamente dos funcionarios senón da sociedade en xeral. A sociedade española está moi falta de formación en dereitos humanos, incluíndo aos colectivos de dereitos humanos e incuíndome a min. 

Os funcionarios de prisións falan de graves problemas nas RPT dos centros. Hai moi pouco persoal, están baixo mínimos, e a isto súmase que a maioría dos funcionarios non ten menos de 50 anos a carecen de formación específica para protexerse de situacións violentas.

Estou dacordo en que non son formados en resolver situacións conflitivas. Non se lles dá formación pero tamén é verdade que non acostuman pedila. Tamén concordo en que a dotación de traballadores en prisións é insuficiente pero non tanto porque o persoal vixilante ou celador sexa insuficiente (aínda que en algunha prisión hai problemas), senón porque hai unha falta de persoal especializado: educadores, sobre todo médicos, enfermeiros, psiquiatras... Que ademais é o persoal que podería atender con maior facilidade esas situacións conflitivas. 

O problema non é que se aumente o número de funcionarios de prisións, que me parece unha reivindicación sindical correcta como pode acontecer na plantilla de calquera empresa, pero o que falta é persoal técnico especialiazado. 

É evidente que o traballo en prisións é moi difícil e hai que dar esa formación para poder afrontar situacións conflitivas, pero non máis autoridade nin máis medios represivos. E aquí estamos a confundir unha cousa coa outra e ao final utilízanse situacións reais non para reivindicar a solución real senón para pedir máis autoridade. Creo que ese é o problema.

Un dos argumentos esgrimidos é que os reclusos comprenden perfectamente cal é a diferenza entre agredir a alguén que é axente da autoridade e agredir a alguén que non o é. Neste senso, ser recoñecidos como axentes da autoridade non atallaría a conflitividade?

O problema, no caso da violencia física ou verbal, non é un problema de autoridade senón de mediación e contención. Se os funcionarios de prisións se queixan de que non se lles ensina a facer isto estou dacordo con eles e eu apoiaría esas peticións. Os funcionarios non están formados para atender a persoas en situacións de estrés, e cando alguén vai a un xulgado vai con medo e angustia e non se sabe como tratar ao cidadán. Isto pasa con persoas libres, imaxina cando están en privación de liberdade. Hai unha falta de educación en dereitos humanos, en dignidade das persoas e empatía, importante.

E sen dúbida saben que non é o mesmo agredir a un axente da autoridade que a un funcionario porque xa se encargan os funcionarios de repetilo. Xa se ve na campaña para conseguilo, na que segundo eles as agresións que sofren están pouco castigadas. Pero o que hai que ter é un ambiente que impida esa agresión e cando se dá a situación conflitiva, saber tratala para non ter que recorrer á violencia ou a usar o mínimo real de violencia necesaria. 

Se queren ser recoñecidos como axentes da autoridade é non tanto para que o preso non lles agreda senón para que o preso non lles denuncie, creo que é a diferenza importante. Para que non agredan hai que rebaixar a tensión, iso é o que non se está facendo e, ao contrario, con estas medidas vai aumentar porque vai aumentará situación de abuso por parte dos funcionarios que, insisto, son unha pequena parte. Se estes funcionarios se sinten respaldados na súa actuación, eses abusos van aumentar. E as posibilidades de denuncialo van disminuír.

E esa mediación ou contención para tratar os conflitos que xorden en prisións non é menos eficiente tendo en conta a cantidade de persoas con patoloxías psiquiátricas que están nos cárceres?

Claro, pero o problema é previo. Esas persoas con patoloxías non deberan estar nun cárcere. E se teñen que estar no cárcere pola razón que sexa eses cárceres deberían ter un equipo de psicólogos e psiquiatras importante. 

O problema que recolle o CPT en canto aos enfermos psiquiátricos, dos que hai un número elevadísimo, é que os funcionarios consideran un intento de engano á institución mesmo daquelas persoas que intentaron suicidarse ou autolesionarse as respostas acostuman ser agresións ou contencións... diferentes medidas que non son correctas e aumentan as situacións de dor. O celador non é quen ten que responder a un brote psicótico, se se dá esa situación o primeiro que ten que facer é chamar ao médico ou psicólogo para que esté presente en todo caso na redución.

Entendo que eles se atopan en situacións moi conflitivas pero a solución non é que te den carta branca para que actúes como queiras, senón que reclames a presenza de persoal sanitario e formación. Logo, claro que para casos illados son precisas unha serie de ferrarmentas que permitan esa defensa.

Hai algún país para o que poidamos ou debamos mirar coa vontade de corrixir o modelo penitenciario do Estado?

Nos países nórdicos teñen un sistema penitenciario aparentemente mellor, aínda que tamén é duro. Pero os países nórdicos son países distintos, non son o modelo porque evidentemente as situacións sociais son diferentes: teñen un nivel económico moitísimo máis alto, unha poboación máis reducida, unha educación moi superior... E se só queremos cambiar os cárceres sen cambiar o resto da sociedade, é moi difícil.

Noutros países, como por exemplo en Inglaterra, o sistema de monitoreo por parte da sociedade civil das prisións funciona mellor e iso evita agresións e abusos. Son mecanismos que penso que aquí se poden mellorar, pero temos normas internacionais como as regras Mandela, as regras mínimas de tratamento ás persoas reclusas, que se teñen actualizado hai non moito tempo e están aprobadas polos estados. Aplicalas significaría tomarse en serio os dereitos humanos e a dignidade das persoas, de todas elas: presos, funcionarios, cidadáns... Iso non se está  facendo porque hai prioridades, entre outras, económicas. E querer arranxar a situación dos cárceres de forma illada ao resto da sociedade é imposible.

Agora, hai cousas que se poden facer. Invertir máis en formación, invertir máis en persoal preparado para atender a estas persoas que están en situacións graves, formar máis aos funcionarios, pagarlles de forma adecuada...Pero como país a copiar a verdade é que non se me ocorre...Houbo un retroceso moi grande en xeral dende os anos 80 sobre todo co Neoliberalismo, e as políticas penitenciarias en todas as partes do planeta son as políticas da exclusión e a incapacitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta